Os portavoces carballeses celebran o apoio e ven aínda marxe ata maio

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Toman o barómetro de Sondaxe con cautela, aínda que todos ven nel «tendencias»

11 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cada un matiza as súas particularidades, pero os portavoces carballeses teñen liñas comúns nas súas valoracións do barómetro de Sondaxe para La Voz. As esenciais: toman esta enquisa antes das eleccións de maio «con cautela», ven nela «tendencias» claras e celebran todos, dalgún xeito, o apoio que atopan en diversas cifras, xa sexa na puntuación do líder ou na porcentaxe de votos fieis.

Evencio Ferrero (BNG), Aurelio Núñez (PP), María del Carmen Vila (PSOE) e Estefanía Canosa (Terra Galega) consideran, por outra banda, que ata o mes das eleccións queda tempo e marxe, tanto para o traballo como para que muden as proxeccións.

ANA GARCIA

«É unha enquia. De momento non hai ningunha papeleta na urna, pero si facemos unha lectura que nos leva a seguir traballando e que amosa unha tendencia á alza do BNG, aínda que a representación se manteña. Non se ve só no caso de Carballo, senón que esa tendencia prodúcese en practicamente toda Galicia», valora o alcalde carballés, Evencio Ferrero, celebrando que así sexa, ademais das boas valoracións do seu traballo como líder (6,78) e do goberno local.

El volverá encabezar a candidatura do grupo nacionalista, que segundo o barómetro revalidaría unha maioría absoluta con 11 concelleiros: «Das enquisas o que hai que valorar é precisamente iso, as tendencias, non a foto fixa, aínda que nós traballaremos para que así sexa e incluso para mellorar resultados. E xa digo, sen ningunha confianza, porque de momento non hai ningunha papeleta depositada e polo tanto hai que seguir traballando».

Ana Garcia

Equipo e proxecto

Aurelio Núñez liderará a lista do PP, un partido que, segundo a intención de voto manifestada no barómetro, volvería lograr os 5 concelleiros que agora ten. O popular fai especial fincapé en que ata as eleccións falta «un tempo excesivamente longo». Queda marxe para mudar as cousas -mesmo para a irrupción de candidaturas de novos partidos-: «Do PP coñécese o candidato, pero non aínda todo o equipo e o proxecto detallado», reseña. Iso pode marcar un cambio, ao seu xuízo. Aprecia, no entanto, que parte «dunha boa base»: alude ao grao de notoriedade e coñecemento entre os veciños, «case dun 60 %», e ao aprobado que lle brindan, cun 5,32: «Hoxe, que aproben a un político, xa non é doado», ironiza. Pon o acento na porcentaxe de indecisos/opacos que reflicte a enquisa, un 25 %, polo que cre que tamén aí hai moita marxe para actuar.

José Manuel Casal

«Entendo as enquisas como son, como unha intención de voto. Quedan máis de tres meses e, aínda que collendo os datos con todo o respecto e a cautela, parece que o PSOE en Carballo ten unha tendencia á alza. O número de edís saberase o día das votacións», manifesta pola súa banda a socialista María del Carmen Vila. queda con esa tendencia e di que desde o seu partido traballarán para que votantes e non votantes vexan no seu programa un proxecto serio no que confiar.

Segundo a enquisa de Sondaxe para La Voz, o PSOE gañaría un edil nas próximas eleccións -o que perdería Terra Galega-, pasando así de dous a tres. «Agradezo a confianza e o mérito [ela obtén un 5,29], queda tempo de traballo e tres meses nos que poden pasar moitas cousas», asegura a socialista antes de incidir, tamén, en que aínda que ela é a cabeza visible da candidatura do seu partido, importa moito o equipo, «no noso caso ademais un equipo novo que imos pasiño a pasiño».

Estefaniá Canosa, portavoz de Terra Galega.
Estefaniá Canosa, portavoz de Terra Galega. José Manuel Casal

Fidelidade

Estefanía Canosa, portavoz de Terra Galega, é a única que quedou por baixo do 5 na valoración que reflicte a enquisa: «Sorprenderíame, máis, sinceramente, que a xente que votou ao BNG, ao PP ou ao PSOE me aprobase a min, precisamente pola liña de oposición que levamos. O mesmo manifestan os que din votar a Terra Galega: non só suspenden aos outros tres líderes senón que son os únicos que suspenden a Evencio: é curioso». «Por iso se presentará candidatura, porque creo que somos unha forza necesaria, e os únicos que non estamos conformes co liderato do señor Evencio», engade. Hai un dato da enquisa que valoran moi positivamente: «A fidelidade de voto, dun 80 %. É importante para nós porque vimos dunha escisión. Logo, o do de perder un edil e quedar con dous... Na enquisa do 2015 dábasenos un e tivemos tres. Daquela tamén o PSOE estaba por amais de nós, hai esa tendencia, pero ao final...».

En todo caso, vería un trompazo «que o partido que máis iniciativas presentou na oposición sexa o único que baixe en representantes». Ela insiste en que non será candidata, pero tamén en que TeGa terá lista. Queda moito aínda, pois, para coñecer todos os elementos en xogo.

Deficiencia en una acera situada en la calle Vázquez de Parga de Carballo, en pleno centro urbano.
Deficiencia nunha beirarrúa situada na rúa Vázquez de Parga de Carballo, en pleno centro urbano. BASILIO BELLO

Problemas e prioridades claras

Evencio Ferrero asegura que son conscientes de que no día a día hai aspectos a mellorar, por iso é polo que se sigan presentando para facelo. Valora que suba a porcentaxe que cre que hai menos problemas dos que había e fixa como prioridades cinco liñas para as que sería preciso o apoio doutras Administracións: ampliación do polígono, circunvalación, abastecemento de auga á costa, melloras en vías como a travesía de Bértoa ou a saída cara a Coristanco e minimización dos efectos de posibles inundacións. Estaría, despois, todo o que se poida facer con fondos propios, «facendo de Carballo un bo lugar para vivir e cun equilibro entre o urbano e o rural».

A enquisa reflicte a rede viaria como principal preocupación para os carballeses, así como o tráfico, a iluminación, o saneamento ou o abandono das zonas rurais, cuestións que tanto TeGa como o PP teñen posto moitas veces sobre a mesa. Vila (PSOE) ve a variante e a terceira fase do polígono como claras prioridades.