Vieiro inicia nos institutos o programa «Constrúe o teu mundo» 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

As sesións comezarán este próximo luns, impartidas por Eva Periscal, Patricia Rodríguez Villar e Dalila Biscaíño Regueira

12 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Luns, día 14 • A asociación Vieiro, con sede en Carballo, iniciará este próximo luns nos institutos Parga Pondal, Monte Neme e Alfredo Brañas o seu programa de habilidades sociais Constrúe o teu mundo, incluído no ciclo de prevención escolar. As sesións irán dirixidas a alumnos de entre 12 e 16 anos, isto é, estudantes dos catro cursos da ESO.

Son tres bloques os que inclúe o proxecto. O primeiro, Acompáñote, consta de catro clases sobre habilidades sociais e persoais que teñen como fin axudar aos estudantes na súa vida diaria. O segundo, Deas-conecta, dotará ao alumnado dos coñecementos básicos para o uso das novas tecnoloxías de forma saudable e responsable. Finalmente, o terceiro, Ti elixes, serán dúas sesións con información sobre sustancias adictivas ás que poden acceder. As charlas (55 minutos) terán periodicidade semanal e serán impartidas polas profesionais Eva Periscal, Patricia Rodríguez Villar e Dalila Biscaíño Regueira.