Un condenado, á súa exparella, á que agrediu nun bar de Carballo: «Se non es para min non es para ninguén»

Antonio Longueira Vidal
T. Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

A Audiencia Provincial ratifícalle unha pena de seis meses de prisión e unha orde de afastamento de 300 metros durante un ano e medio

12 ene 2019 . Actualizado ás 08:52 h.

A Audiencia Provincial ratificou a condena para un carballés de 54 anos por agredir á súa exparella e ao novo noivo desta nun bar de Carballo. En concreto, foille imposta unha pena de seis meses de prisión, ademais dunha orde de afastamento de 300 metros durante un ano e medio. O tribunal ratificou así, punto por punto, un primeiro fallo ditado polo Xulgado do Penal número 6 da Coruña e tombou o recurso de apelación presentado pola avogada do agresor.

Os feitos xulgados ocorreron o 2 de novembro do 2016. O condenado mantivera unha relación cunha muller, que a deu por finiquitado facía tempo. De feito iniciou unha relación sentimental con outro home. Durante a tarde daquel 2 de novembro, o acusado chamou á súa exparella, segundo recolle a sentenza, «en reiteradas ocasións, ata que a vítima decidiu descolgar o teléfono ante a súa insistencia».

Ambos quedaron nun bar do centro urbano carballés. Pero a muller fíxoo acompañada do seu actual parella. Sobre as nove da noite apareceu no local o condenado. Unha vez dentro dirixiuse cara ao noivo da súa exparella. A muller interpúxose entre ambos para evitar unha agresión. Resultou inútil. O agresor golpeounos no rostro. Ambos precisaron de atención sanitaria e permaneceron varios días de baixa como consecuencia das lesións. O agresor foi arrestado e un xuíz fixou medidas cautelares, aínda que quedou en liberdade en calidade de investigado.

No primeiro xuízo, celebrado o 3 de abril deste ano, o acusado foi condenado a 6 meses de prisión e o instrutor decretou unha orde de afastamento de 300 metros da súa exparella ademais de fixar unha indemnización por lesións para a súa exparella e o noivo desta.

Con todo, o acusado apelou ante a Audiencia Provincial. Alegou que se vulneraron os seus dereitos: presunción de inocencia e valoración errónea de probas presentadas no primeiro xuízo. Con todo, o tribual tombou un por un os seus argumentos. Considera veraz e obxectiva a versión da vítima e sobre todo, a dalgunha testemuña, quen relatara que mentres pegaba á súa exparella e ao noivo desta, o acusado soltou: «Se non es para min non es para ninguén».