Membros de catro ONG internacionais, na Semana sen Fronteiras do Casino

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Continúa o programa hoxe

11 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«E todo isto, nun pobo como Carballo?». Lorena Marrozos, voluntaria e participante habitual de programas de cooperación internacional, facíase eco desta reflexión onte, en Radio Voz Bergantiños, mentres explicaba o ambicioso programa creado polo Casino para falar da realidade dos refuxiados e dos dereitos humanos.

«Son cinco días moi cargados de información», reflexionou Lorena durante o Voces de Bergantiños. O programa comezou onte, aproveitando a conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos, e centrouse precisamente nese aspecto. Unha das actividades máis destacadas foi a proxección do documental Katsikas, ecos dun éxodo, na que estivo presente o director da longametraxe, Rodrigo Vázquez, Harry.

Hoxe aterrarán en Carballo representantes de catro ONG que teñen o seu ámbito de actuación en zonas moi diferentes: Aire, que traballa no Sahara e en Grecia; Acción Norte, nos Balcáns e tamén en Grecia; Pallasos en Rebeldía, cun ámbito de traballo internacional e SOS Racismo, dedicada á «externalización» das fronteiras. Un coloquio pechará a xornada tras as intervencións.