Os loteiros de Carballo baten a marca de vendas fóra de Galicia

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Unha administración leva máis de 300 paquetes enviados en menos dun mes

10 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O 22 de decembro do 2007 marcou un antes e un despois nos sorteos do Nadal en Carballo. Aquel 6381 supuxo situar á capital de Bergantiños no panorama nacional da boa sorte, á altura de localidades como Sort (A Bruixa d'Or). Posteriormente, tamén se despacharon en Carballo décimos premiados, entre eles, algún belisco en forma de premios importantes.

Esa fama de localidade para repartir sorte transcendeu fóra de Pedrafita do Cebreiro. Desde hai anos, as peticións non fixeron máis que crecer. Pero o deste 2018 supera, con fartura, as expectativas máis optimistas dos administradores de loterías. Algúns aseguran que este ano baterán todas as marcas de vendas fóra da comunidade galega.

María Eirís leva 25 anos detrás do mostrador da administración número 2, Alexandra, en Desiderio Varela. E onte mostraba unha chea de paquetes pendentes de envío para outros despachos. «Nun mes debemos levar máis de 300 e aínda non puiden contabilizar algunhas entregas porque non damos abasto», comentaba mentres apuraba, como podía, un café. Ao mesmo tempo, atendía á numerosa clientela que facía cola en domingo de mercado para comprar a sorte do Nadal: «Nós batemos, seguro, as vendas de lotería fóra de Carballo e de Galicia. O teléfono non para de soar e hai quendas de mañá que pechamos ás catro da tarde». Un dos números máis reclamados é o 17918. «Un cliente pediuno porque é a data na que morreu o seu can e, coincide, co que pediu unha moza para conmemorar o día no que asinara o divorcio», apuntou.

Rúa Hórreo

Enrique Lado Cambeiro, da administración número 1 da rúa Hórreo, non paraba onte de vender. Chegou a estar vinte minutos de reloxo sen saír de portelo antes de atender uns minutos á prensa: «É día de feira... Estamos ata arriba de traballo», dixo. Como María Eirís, apuntou que este ano «se está vendendo máis que o pasado, e, para fóra, nin lle digo». Sobre todo, Mallorca, Madrid e Barcelona. «Hoxe [por onte] mesmo viñeron unhas clientas de Santiago a propósito para comprar décimos de lotería». Segundo Lado, este ano é o que máis envíos houbo para fose de Galicia, «e aínda queda toda a semana que vén por diante, que vai ser de tolemia».

Alba Vilar Pérez e Zaida Pérez Gende estréanse este ano no sorteo do Nadal. Colleron a administración de lotería número 3 da rúa Estrela e mostrábanse onte encantadas da xente que pasara polo establecemento. «Collemos o negocio en maio cando se xubilou Elvira Corredoira e, xa que logo, non temos unha referencia de anos anteriores, pero estamos moi satisfeitas de como vai este ano», apuntou Alba Vilar.

Pola súa banda, Esther Barca Pensado, do despacho situado na Gran Vía carballesa, indicou: «Está a venderse bastante ben este ano. Temos números esgotados, como o 13, e os que máis nos piden en portelo son os que acaban en 69, 15, 13, 17 e 18». A casa, doutra banda, xoga a serie do número 39382, «que é o que vai tocar», vaticinou o seu esposo, José Antonio Padín.

Cee e Zas

Na Marina de Cee, as vendas van vento en popa: «Hoxe temos feira», dixo Camilo Soto. No seu caso, os máis demandados son os que rematan en 13. Pola súa banda, Manuel Domínguez, do Bar Quiniela de Zas, sinalou que a campaña de Nadal está a ser «similar» á do 2017. Explica que os clientes piden terminacións en 5 e en 0. «Non sei por que, pero é así», comenta.

Cando o gordo xoga ao descoido

ana f. cuba

Algo de razón teñen quen se empeñan en que o Gordo sempre cae en Madrid (na provincia tocou en 92 ocasións) ou en Barcelona (57). O premio soñado mostrouse bastante esquivo coa Coruña. Desde 1812, cando se estreou o sorteo extraordinario de lotería de Nadal, o primeiro premio vendeuse aquí tan só oito anos, seis na cidade herculina -nos anos 1903, 1958, 1974, 2003, 2012 e 2014-; tres en Carballo -2007, 2012 e 2014-; e só un en Santiago (2007), Ferrol (1915) e Rianxo (2003). A fortuna sorriu algo máis no resto de premios que se reparten o 22 de decembro, cunha dotación económica inferior e de menor impacto social. «Como o Gordo non hai, ten máis repercusión se vendes catro décimos [1.600.000 euros de premio] que se dás cinco billetes do terceiro [2.500.000]», comenta un loteiro.

A sorte non vai parella ao gasto. No 2017, as administracións da provincia venderon 361.551,5 billetes para o sorteo de Nadal, o que equivale a 72.310.300 euros, un 4,78 % máis que o ano anterior e o 45,3 % do volume de toda Galicia. O desembolso medio por habitante situouse en 64,55 euros, seis puntos por amais da media da comunidade e só superado polos lucenses, con 67,01. Para este ano, Loterías consignou 81.741.280 euros (408.706,4 billetes) para a provincia coruñesa, o que equivale a 72,96 euros por habitante.