Última hora
Sánchez suspende a súa axenda para reflexionar se renuncia á Presidencia tras a denuncia contra a súa esposa

Reforzada a seguridade no xulgado carballés

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

A Xunta instalou no edificio doce cámaras, cinco deles no exterior, dous monitores e sistemas de gravación

21 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O edificio que alberga os tres xulgados de instrución de Carballo ten desde a pasada semana novos equipos de vixilancia e seguridade. Así o confirmou onte o director xeral de Xustiza da Xunta, Juan José Martín, quen onte visitou as instalacións acompañado por edil de Obras, Luís Lamas.

O director xeral falou dos pormenores destas actuacións: «Ademais dos grandes xulgados, a Xunta acomete melloras naqueles partidos xudiciais que teñen tres ou catro xulgados, que no caso da provincia da Coruña son Betanzos e Carballo». No caso do edificio carballés, as actuacións supuxeron un investimento de 15.000 euros, coa instalación de 12 cámaras, cinco deles no exterior, dous monitores e un sistema de gravación (mesmo nocturna) de última xeración. De forma paralela, dotouse ao complexo dun sistema de alimentación continua, de tal forma que terá enerxía eléctrica as 24 horas, mesmo, no caso de que se interrompa o servizo.

Ademais, tal e como avanzou Juan José Martín, a mellora da seguridade ampliarase o próximo ano coa instalación dun arco e un detector de metais na entrada principal.

Con respecto aos partidos xudiciais, como Corcubión, que teñen dúas salas, terán que agardar, aínda que o director xeral de Xustiza asegurou que levarán a cabo estas melloras. Lembrou que este plan de seguridade da Xunta ten tres anos de vixencia, cun orzamento conxunto de 5 millóns de euros.

Queixas en Corcubión

Juan José Martín tamén falou das deficiencias no xulgado corcubionés: «Coñecémolas e eu dirixinme por escrito á alcaldía porque o problema do edificio é que o último piso é de titularidade municipal, que ten unha serie de deficiencias». Lembrou que a Xunta efectuou unha obra no seu día e agora tócalle ao goberno local adoptar medidas: «Se é necesario, axudámoslles», pero, segundo el, o Concello tamén ten que dar pasos respecto diso.