A morte do xerente destapou a trama dos coches en Carballo

C. V. G. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

Catro dos clientes que pagaron por adiantado xa denunciaron, pero o diñeiro non aparece

20 novs 2018 . Actualizado ás 10:49 h.

A noite do 10 de outubro na N-634, que une Navia con Luarca, un autobús de Alsa atropelou a un home indocumentado. As testemuñas dixeron que se guindou á calzada e morreu no acto. Era Gabriel Fernández Martínez, responsable de Laricar, unha empresa que naceu fai catro anos en Arteixo e que se trasladou a  Carballo en febreiro. Con todo, o suposto xerente non aparece en ningún documento. A única socia e administradora é desde hai dous anos Ana María Castiñeira, a que era a súa parella. Segundo avogados aos que consultou a muller, que intentou pór en marcha un concurso de acredores, ela figuraba porque el tiña tantas débedas previas que os bancos xa non lle prestaban. De feito, ata o 2016 o empresario tivo Santa Cristina Furgo, unha compaña tamén radicada en Arteixo, que deu perdas.

A morte de Gabriel destapou unha trama parecida á das estafas piramidales que incluía irregularidades de distinto tipo.

O diñeiro cobrado por coches que se venderon a partir do 20 de setembro xa non foi para comprar vehículos que a empresa adquiría no estranxeiro, sobre todo en Alemaña. Laricar era unha empresa coñecida que deixara moitos clientes satisfeitos. Tiñan observadores que buscaban os coches que se lle encargaron e cando os traían a España púñanos a punto nas súas instalacións.

Algúns din que problemas internos fixeron que se perdese a pista do diñeiro. Sexa como for, a persoa que figura á fronte declárase insolvente. Nun intento de solucionar a situación, reuniuse con algún cliente e ofreceulle outro coche, cunhas condicións parecidas, pero non houbo acordo finalmente.

En polo menos un dos casos, o turismo, que estaba en Francia, non chegou a ser adquirido e uns días despois de que en Carballo pagasen por el uns 15.000 euros vendíase para Grecia. O contrato de compravenda incluía o número de bastidor, polo que rastrexar o destino dos coches, en mans doutros donos tamén europeos, é relativamente doado.

Non queren ser identificados

Agora ninguén quere ser citado neste caso. Os avogados que viron a Ana María Castiñeira din que non a representan e que só realizou unha consulta puntual e os catro afectados que presentaron denuncia tampouco queren ser identificados. Nas redes sociais foron criticados por ter adiantado o diñeiro.

Os afectados temen agora que os traballadores ou mesmo a dona estean a vender coches que lles quedaron a empresas de compravenda de Arteixo ou A Coruña para obter algún diñeiro, porque a súa esperanza é conseguir resarcirse en parte das perdas polo mesmo procedemento. De feito, onte houbo movemento na nave.

A páxina web da empresa segue activa, coma se non pasase nada. De feito, un dos afectados fíxose pasar por un futuro comprador o sábado e dixéronlle que o atenderían.

Mentres, a Garda Civil investiga a estraña morte de Gabriel Fernández, que levou o coche da filla da súa parella a Asturias. O motivo diso e a razón pola que non tiña o seu carné cando morreu son aínda un misterio.