A marea verde alagou Carballo

X. Ameixeiras / M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Centenares de persoas acudiron á camiñada da asociación contra o cancro

22 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Carballo alagouse onte de solidariedade coa cor verde das camisetas, os chubasqueros, as mochilas, as alxibeiras e as pulseiras que centenares de persoas portaban na camiñada organizada pola Asociación Española Contra e Cancro (AECC) local. Sumouse unha multitude ao berro silencioso de apoio aos que sofren a enfermidade e para achegar o seu gran de area comprando produtos para contribuír aos gastos da investigación para cura e tratamento.

Ás once da mañá xa non quedaba ningún obxecto que vender na mesa da entidade. Os 600 chubasqueros dispoñibles voaran, do mesmo xeito que as camisetas e demais obxectos. A praza xa se vestiu de verde e, mentres non saía a marcha, as pandereteiras de Arume de Berdillo animaban o ambiente.

Saíu a comitiva facía a rúa da Igrexa, co grupo de gaitas de Berdillo entoando a Muiñeira do Molete. Logo soou a Muiñeira do Chao. A multitude dirixiuse facía o paseo do Bosque do Anllóns. Un percorrido plácido, entre carballos e alisos, maiormente. A auga da artería de Bergantiños baixaba mansa. A camiñada foi moi relaxante e a xente ía riseira: «Está un día coma se fose verán», comentaban na comitiva. Os nenos gozaban e os maiores, tamén. «Terían que facelo máis veces», apuntou un participante xa de idade que case ao final preguntaba cantos quilómetros foron: uns cinco en total.

Na praza do Concello, a secretaria da asociación, Margarita Esmorís, agradeceu a asistencia. Os gaiteiros interpretaron o himno galego e a xente despediu a experiencia con aplausos. Esmorís estaba moi satisfeita. Foi un «exitazo. Estamos superagradecidas. Isto contribúe a que a xente teña outra visión da enfermidade», dixo. «Totalmente», reiteraba María Suárez, vogal da agrupación. Tanto unha como a outra consideran que estas iniciativas contribúen a vencer o estigma «da palabra cancro». «Aquí -apuntó María- hai moitísima xente que está pasando por esa situación. Logo, como que o vemos con outra normalidade. Pónsenos a pel de galiña pensar nesa xente que o está facendo tan ben e loitando desta maneira».

Cea do cancro en Coristanco e Festa Infantil Solidaria en Cabana para rematar os actos

A pesar de que o groso dos actos conmemorativos levaron a cabo esta pasada fin de semana, algunhas xuntas locais coordinaron para os próximos días diversas actividades ás que aínda están a tempo de anotarse.

A Casa Sánchez, en Erbecedo (Coristanco) acollerá leste mesmo sábado, a partir das nove e media da noite, a cea solidaria anual organizada pola xunta local da Asociación Española Contra o Cancro, en colaboración co Concello de Coristanco. O prezo por persoa é de 25 euros e inclúe, ademais do menú, unha boa sesión de baile e sorteo de varios agasallos ao finalizar a festa. Para conseguir entradas han de pórse en contacto coa directiva da asociación ou ben chamar a algún destes teléfonos: 609 705 100 ou 981 733 277.

Pola súa banda, a xunta de Cabana, que presentou un dos programas conmemorativos máis extensos, reservouse para este domingo o seu último cartucho. Aproveitando a próxima chegada do Samaín, celebrarase na praza de Neaño, e baixo unha gran carpa a terceira Festa Infantil Solidaria. A partir das tres da tarde nenos de todo o municipio, e dos arredores, poderán achegarse á localidade cabanesa a gozar dunha tarde de música, divertidos inchables, pintacaras, teatro e moitos xogos populares. Para a celebración desta cita foi esencial a colaboración do tecido empresarial do Concello, así como dos hostaleiros.

BASILIO BELLO

Camiñando pola causa en Cabana

Tamén en Cabana quixeron chamar á cooperación popular co paseo solidario «Camiña en rosa», que partiu a media tarde desde a Praza do Pendón ata a praia da Urixeira. Tamén, durante a mañá, houbo mesas informativas por todo o municipio á saída das misas nas parroquias. 

Espectacular Danza Rosa en Camariñas

Mulleres, homes, avós e nenos encheron o sábado as rúas de Camariñas para participar nunha espectacular danza de arcos rosa. Impulsado polo Concello e a xunta local da AECC, aproveitaron para homenaxear á recentemente falecida Raquel Moreira, traballadora do Museo do Encaixe da localidade.