Dous detidos en Carballo, un por ameazas ao seu pai e outra por unha agresión á súa parella

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ambos, arrestados na xornada do martes, quedaron en liberdade provisional

18 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Dous veciños de Carballo foron arrestados este martes. Un relacionado cun presunto delito de violencia doméstica e outro, presuntamente, por violencia contra a muller.

Sobre as sete e media da tarde a Garda Civil en colaboración coa Policía Local arrestou a un home, de mediana idade por unha denuncia presentada pola súa parella.

A suposta agresión, física, produciuse no domicilio que ambos comparten no centro urbano. Estes feitos, tipificados polo Código Penal como Violencia contra a Muller, implicaron ao arresto do individuo, que foi trasladado aos calabozos do cuartel da Garda Civil de Carballo.

O denunciado prestou onte declaración ante o xuíz, quedando en liberdade con cargos á espera de xuízo. Pola súa banda, a vítima foi trasladada a un centro médico, e, por sorte, as súas lesións non revestían, en principio, gravidade,

Por outra banda, as forzas de seguridade de Carballo tamén detiveron sobre as nove e media da noite deste martes a un home de 48 anos de idade, investigado por un presunto delito de violencia no ámbito do fogar. En concreto por, supostamente, ameazar ao seu pai, un septuaxenario de Carballo. Non se tratou dunha agresión física, senón verbal, segundo as primeiras hipóteses.

Versión

Unha patrulla do instituto armado presentouse no domicilio e tras escoitar a versión das dúas partes implicadas, decidó arrestar ao home de 48 anos. Foi traslado tamén ao cuartel da Garda civil. Na mañá de onte pasou a disposición xudicial e tras prestar declaración quedou en liberdade provisional á espera de xuízo.