O Concello de Carballo pon en marcha unha campaña contra os abusos durante as celebracións

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

O lema é: "Se buscas emocións fortes goza dá festa sen abusos, sen acosos e con cabeza"

16 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Concellaría de Igualdade e Benestar de Carballo, que dirixe a edila Maica Ures, lanza unha campaña orientada a sensibilizar aos mozos contra o acoso e as agresións sexuais, por unha banda, e tamén a favor do consumo responsable de alcol.

O goberno local explica que a iniciativa se pon en marcha agora, pero que a idea é estendela a todo o ano e a diferentes ámbitos, e invita a sumarse tanto ás comisións de festas dos barrios e parroquias, como aos empresarios do sector do lecer nocturno. Hai xa cartelería específica, que todos os interesados poden solicitar. Nela pódese ler: «Se buscas emocións fortes goza da festa sen abusos, sen acosos e con cabeza», xunto á imaxe de varios mozos.

Esta campaña forma parte do «amplo e variado programa de accións que desenvolve a Concellaría de Igualdade e Benestar» a través do Centro de Información á Muller para o fomento da igualdade e contra a violencia machista. «Con estes pequenos xestos podemos construír unha sociedade máis xusta e igualitaria», sinala a concelleira Maica Ures.

Co lema utilizado tratan de lanzarlle «un reto ás mozas e aos mozos para que aproveiten os momentos de ocio e diversión ao máximo, pero sempre con respecto e sen necesidade de consumir alcohol en exceso para pasalo ben».

Unhas ideas, por certo, coas que traballa a entidade Vieiro desde hai anos nos centros educativos de Carballo desde hai anos, dentro do seu programa de educación en valores. Desde o Concello é a primeira vez que se expón algo de xeito tan directo.

Repartición de carteis por todo o centro urbano

A repartición de cartelería por todo o centro urbano de Carballo comezou onte, para visibilizar a mensaxe durante as festas, e nos próximos días enviaranse cartas ás comisións de festas para ofrecerlles a posibilidade de unirse á iniciativa. Xorde ante a «preocupante escalada de actos sexistas que se veñen producindo en grandes acontecementos en todo ou Estado, amparadas en ambiente festivo e excesos».