Anuncian o reforzo para Violencia sobre a Muller do xulgado de Carballo tras catro meses de espera

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Con esta resolución, a Administración autonómica pecha unha reclamación de fai once anos

09 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A oficina virtual do persoal da Administración de Xustiza da Xunta de Galicia anunciou este xoves que cubrirá en breve a praza para a área de Violencia contra a Muller, pertencente ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Carballo. Con esta resolución, a Administración autonómica pecha unha reclamación de fai once anos, co gallo da posta en marcha do terceiro xulgado, cando sindicatos e persoal público solicitaron unha ampliación do persoal no departamento de Violencia sobre a Muller, debido á elevada carga de traballo que acumula nos últimos anos.

A baixa laboral das dúas profesionais titulares fixo necesario, primeiro, cubrir estas dúas vacantes, e segundo, ampliar o servizo cunha persoa de reforzo. O 6 de febreiro deste ano, o portal web da Xunta anunciou o ansiado reforzo para o xulgado número 1, igual que se fixo con anterioridade en Corcubión. Con todo, os meses transcorreron e o posto seguía sen convocarse.

Foi Roberto Andrade, representante de SPJ-USO, o que puxo en coñecemento desta demanda ante a Xunta. Pero a folga dos traballadores da Administración de Xustiza e as longas negociacións dilataron este nomeamento, que se fixo efectivo o xoves. Roberto Andrade mostrou a súa satisfacción pola chegada «en breve» deste novo reforzo ao xulgado carballés: «Houbo que facer moitas xestións e presentar varias denuncias, pero conseguiuse o obxectivo», dixo.