«O primeiro que falla é a poboación, hai que dar a cara»

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

14 novs 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O director da Asoaciación Antidroga Vieiro de Carballo, Xosé María Arán, móstrase moi crítico coa resposta social á problemática das drogas, como testemuña o CIS, onde hai que buscar moi no fondo para atopala entre as preocupacións cidadás, e o feito de que, se non lle fallan os datos, a seguinte asociación deste tipo desde Carballo estea en Ribeira.

«O primeiro que falla é a poboación e as propias familias, hai que dar a cara e tirar para adiante, porque se trata dunha responsabilidade de todos e xa sabemos como funciona a política: a Administración normalmente non se move se non hai ninguén detrás dándolle nas orellas», sinala Arán, que lembra como comezaron en Carballo e como cambiaron as pautas de consumo, o que non significa, nin moito menos, que os problemas sexan agora menos graves, como se percibe, por exemplo, cos altos índice de consumo de alcol entre os adolescentes.

«Ao pouco de comezar con Vierio fomos por distintas localidades informando e animando á xente a organizarse. Aquí en Carballo no ano 91 tiñamos un problema que lle chamabamos o da reixa porque había moitísimos roubos e todos os negocios puñan reixas. Hoxe as cousas cambiaron, hai outros medios, centros especializados, a UAD... pero sigue existindo un traballo, que non é por dicilo, pero se non o facemos nós non o fai ninguén. En Camariñas tiñan Abondou, na que Juan [Gómez Serrano] que xa faleceu, fixo un gran traballo e se se deixou morrer iso e porque a sociedade non lle deu importancia. Por iso, con todo o respecto, penso que se hai un problema a xente terá que unirse», engade.

Arán pon o acento nas familias «que están adormecidas e teñen un concepto equivocado de que aos fillos os educa o colexio e a Administración. O colexio está para ensinar conceptos e a Administración para prover servizos, pero a responsabilidade educativa é das familias».

Ao seu xuízo as noticias aparecidas na prensa sobre planadoras e descargas deixan claro que o problema persiste e non en Camariñas senón en toda a Costa da Morte, co que chama á sociedade a tomarse o asunto en serio e actuar coordinada.