Lema, en Carballo, terá rehabilitado o seu local social o ano que vén

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Esta cuestión, entre outras, tratouse no Consello Parroquial celebrado

24 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

No Consello Parroquial celebrado fai uns días en Lema confirmouse a rehabilitación do local social, a principal demanda formulada polos veciños na sesión do mes de marzo. Suporá un investimento de 182.000 euros e será incluído nos orzamentos do 2018.

Tamén, desde o Concello, pediuse aos veciños que establezan unha orde de prioridade entre as peticións recollidas nun dossier que entregaron aos representantes políticos. «Hai que atender ás necesidades de todas as parroquias, e ou orzamento non é un chicle que se poida estirar», sinalaba o alcalde, Evencio Ferrero.

Entre os veciños existe certa división de opinións no referido a que petición formular primeiro, se actuar na zona de Castrillón ou en Vixía. No primeiro caso xa existe un proxecto elaborado que inclúe a pavimentación con cemento do lugar de Castrillón, así como o acceso a Santa Irene e o acondicionamento do miradoiro. Todo iso por un importe de 300.000 euros.

Outro dos puntos nos que o Consello Parroquial fixo especial fincapé foi a necesidade de acometer actuacións de promoción do espazo natural, así como a negociación con Costas para construír unha pasarela de madeira para acceder á ponte pequena. Tamén se solicitou a rehabilitación dos muíños que hai desde Centeás ata a antiga escola, así como outras melloras de menor envergadura.