Detidos dous mozos por 13 incendios forestais en Coristanco

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Ambos quedaron en liberdade, en calidade de investigados, tras prestar declaración ante o xuíz de garda de Carballo

13 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Axentes do Servizo de Protección da Natureza do posto de Arteixo detiveron a dous mozos, investigados por 13 incendios forestais, presuntamente intencionados. A Garda Civil viña intensificando nos últimos meses a orixe e as causas dunha serie de lumes ocorridos en varios lugares do termo municipal coristanqués (6.426 habitantes). En concreto no Carrizal e O Piñeiro, nas parroquias de San Paio e Ferreira. Trátase dunhas contornas nos que veñen producindo alertas con bastante asiduidade desde o verán do 2010. Con todo foi durante finais do mes de xullo e principios de agosto do 2016 e 2017 cando se contabilizaron máis avisos. O pasado día 7 rexistráronse tres incendios forestais nun prazo de cinco horas. Dous deles en plena madrugada (os avisos ao 112 efectuáronse ás 5.00 e 5.25 horas, respectivamente) e con catro focos equidistantes uns doutros uns 200 metros. Por sorte, a rápida intervención dos equipos de extinción evitaron graves danos ambientais ao calcinarse unha superficie conxunta equivalente a un campo de fútbol.

Despois das intensas investigacións levadas a cabo nas últimas xornadas por parte da patrulla do Seprona de Arteixo, coa información dispoñible na base de datos de lumes, presuntamente, intencionados en campañas estivais anteriores e as xestións realizadas con veciños do Carrizal e O Piñeiro, os axentes detiveron a A.R.R., de 21 anos e veciño do Carrizal, Coristanco, e a A.B.E., de 20 anos e residente no Sisto, Carballo. Os axentes relaciónanos con 13 incendios forestais e tras prestar declaración no xulgado de garda de Carballo quedaron en liberdade en calidade de investigados á espera de xuízo.