Todo o Lemán a nado por solidariedade: así é a iniciativa de Adrián García

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Adrián García é fillo dun carballés de Ardaña. Percorrerá ao longo o lago suízo para lograr fondos destinados a nenos de Zimbabue

11 ago 2017 . Actualizado ás 12:22 h.

Adrián García Pousada, de 18 anos, prepárase a conciencia para un reto que necesitará de gran esforzo físico e moita vontade: cruzar a nado o lago Lemán, de extremo a extremo. Desde o Château de Chillon, no cantón en Vaud, ata Xenebra. Toda a beira sur ao completo, que discorre en boa medida por terras francesas (a norte, helvéticas), aínda que punto de inicio e final si corresponden a Suíza. Son máis de 70 quilómetros que, como é natural, non os fará dunha soa tacada, senón en sete etapas, unha por día. En quilómetros por xornada quedan así: 10-12-9-8-12-10 e 12. Empezará a nadar o día 20 e acabará o 26. Ou iso espera.

Adrián naceu e vive en Xenebra, pero a súa familia paterna é de Vivente, en Ardaña, Carballo, onde residen os seus avós e onde acode unha vez ao ano como mínimo desde sempre. O seu pai, como tantas da comarca, emigrou fai uns 30 anos para Suíza e alí segue. Alí coñeceu á súa muller, oriúnda de Verín, e alí establecéronse. Os seus nexos con Carballo son moi intensos.

Desde pequeno destacou en natación, onde leva uns 10 anos a elevado nivel, con moitos triunfos desde as categorías inferiores. Agora forma parte da selección absoluta romanda, os seis cantóns de lingua francesa. Aproveita esta capacidade sobre a auga co seu proxecto de fin de estudos secundario, que rematarán o ano que vén (hai que preparalo nos dous últimos). E non o fai só: con el está a súa compañeira de curso Sara-Louise Jokonya, tamén filla da emigración, pero moito máis afastada que a galega. De Zimbabue. E tamén boa nadadora, así que estarán xuntos no reto. Mercé a esa conexión fixouse o obxectivo da aventura: recadar fondos para nenos da rexión de Chikomba, en concreto para dúas escolas. Unha, moi pobre; outra, con moitos alumnos, e ambas, con numerosas necesidades. As persoas que o desexen poden achegar cantidades na conta aberta para ese efecto. Non é complicado atopala en Internet usando a denominación Swim4chikomba (o correo é swim4chikomba\gmail.com). Ademais, teñen un espazo especial en Facebook, Instagram e Youtube, onde se poden seguir toda a evolucións do proxecto, con fotos, datos, obxectivos... Claridade absoluta. «E todo ou que se consiga irá íntegro para esas escolas», explica, detallando cada franco ou cada euro.

Visita recente

Coñece o lugar elixido para a axuda, porque o visitou a pasada Semana Santa, en compaña de Sara. Ambos se entrevistaron coa ministra de Educación do país, grazas aos contactos familiares, e pareceulle moi interesante o proxecto. Non só alí: no seu centro educativo, na súa familia, os amigos e os compañeiros danlles o seu respaldo. Un aliciente para algo que necesita moito adestramento, por moita experiencia que teña sobre a auga a pesar da súa mocidade. «Xa levamos varias semanas entrenando», explica. Recoñece que non é nada habitual cruzar o lago ao longo (ao ancho é complicado, pero menos esixente), pero móstrase moderadamente optimista: «Vai ser difícil, pero creo que conseguiremos. Nadar 12 quilómetros nun día non é un problema, pero facer esta distancia ou parecidas durante sete días seguidos xa é outra cousa», sinala. Domina todas as especialidades de nada, pero crol e costas son as que mellor se lle dan. Tamén as adoita practica en Razo ou Baldaio cando acode a Carballo no verán. «Encántanme as praias de aí», sinalaba onte. Estes meses non vai poder ser. Terá que agardar a Nadal, seguramente. A cambio, algunha familiar que traballa en Europa seguramente acuda a velo na súa última etapa.