A sala A Revolta segue revolta

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido CRÓNICA

CARBALLO MUNICIPIO

09 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Alá polo mes de novembro do 2015 (o tempo voa) un dos responsables da antiga sala de festas A Revolta de Carballo anunciaba que en breve selaría de novo toda a súa contorna. O valo dianteiro xa non cumpría a súa función e as portas laterais empezaban a ser un coladero, xeralmente de quen non o facían con ánimo antropolóxico, senón para causar aínda máis desfeitas ou levar algunha cousa. Durante os últimos anos xa houbera algúns incendios e actos de pillaxe, que ían a máis.

A case dous anos vista, a cousa non segue igual, senón que vai a peor, co perigo que iso ten, de seguridade e mesmo de salubridade. Para algúns, a atracción é mesmo estética. Un soado (para os seus centos de miles de seguidores, claro) youtuber achegouse ao lugar para gravar unha imaxes, que foron moi comentadas. Seguramente ninguén lle explicou que moito antes de que el nacese, e ata hai apenas 17 anos, ese local atou e desatou parellas, acolleu grandes actuacións, e puxo altofalante á mellor música do momento. Agora é (segue sendo) un local escuro, húmido, lúgubre, con desfeitas por todas partes, mesmo con restos dalgunha entrada ou de vasos coas pegadas das últimas copas que se serviron neles. Unha pena: pola nostalxia, a memoria, a estética e o sentido común. Menos mal (será polo perigo) que aínda non roubaron o gran foco do teito, que lanzaba un intenso feixe de luz que seguramente sorprendería aos avións, e que en terra se vía, como un faro movéndose ás toas, desde moitos quilómetros.

Así está agora A Revolta, un nome que quedará para sempre na memoria de moitos (por certo, situada moi preto do emprazamento orixinal de Carballo), pero que as xeracións máis novas asocian coa Factoría ou Diva Dance, que foron as súas últimas denominacións. Non lle deron moita sorte, aínda que tamén é certo que llos puxeron cando o negocio clásico das discotecas empezaba a morrer: o de pagar caras entradas con dereito a consumición para botarse uns bailes ou tomar algo era propio doutros tempos. Tempos nos que, algúns días, as colas de coches ocupaban toda a avenida da Revolta e sen dúbida os arredores. Quizais se no cambio de ciclo adaptáronse aos tempos, as cousas non serían como son, pero é complicado. O que lle pasa á revolta A Revolta é o mesmo que padeceron outras grandes instalacións, da comarca e do resto de Galicia. Pouca xente de máis de 30 anos non terá algúns deses nomes aínda na súa cabeza: a Dúbidas, Vertixe, Galaxia, Xallas, Noa, Teyma, A Vieira.... E unhas cantas máis. Pero, máis que recordos, o que fai falta é valar o lugar onde aínda se acubillan.