A 19 quilómetros por hora ata Camariñas

La Voz

CAMARIÑAS

18 oct 2020 . Actualizado ás 12:00 h.

Convertido o Packard en singular autocar, nos dous laterais da súa carrocería lucía o nome de Autos Pombo -polo alcume da nai do propietario, A. Pombo-, e arriba, na baca, lucía un letreiro a todo o ancho do vehículo que dicía: Correo Vimianzo Camariñas. Segundo o seu propietario, Transportes Pombo non cobraba aos pasaxeiros que ían a Camariñas ou a Vimianzo ou a Xaviña, ou A Ponte do Porto, ou a algún outro pobo intermedio, e só pagaban pola mercancía transportada. Polo servizo que ofrecía como contratista de Correos recibía ao redor de 87.000 pesetas anuais en 1977.

Neste último ano, trinta despois de compralo, e a consecuencia das moitas reparacións de chapa e pintura ao que foi sometido, do cambio do motor de gasolina por un de gasoil (Barreiro) para rebaixar o consumo a mediados da década de 1950..., o vello Packard converteuse nun vetusto e híbrido autocar que transportaba diariamente correo, mercancía e algúns pasaxeiros de Vimianzo a Camariñas e viceversa, nun percorrido de 19 quilómetros que tardaba unha hora na ida e outra hora na volta. ¡A 19 quilómetros a hora!, dixo un xornalista en La Voz de Galicia, sen que tivese en conta o deplorable estado da estrada sen asfaltar: de terra e pedras e profundas fochancas.

De igual forma, transportou a Vigo a moitos dos numerosos emigrantes de Soneira para embarcar para as Américas -triste paradoxo para un coche vindo de Cuba-, entre outros servizos que contrataba.

Case 50 anos

Facendo un servizo a Vigo nun Nadal tivo que parar en 17 ocasións para arranxar outros tantas picadas. En 1977, con case 50 anos, e sen decepcionar nunca, o antigo convertible e agora autocar tiña moitas pezas orixinais, pero cada vez menos: as ballestas, o chasis, os faros..., acadando os 80 quilómetros de velocidade en estradas debidamente asfaltadas.

Este Packard nunca sufriu accidente algunha durante a súa actividade nas estradas galegas. Nin co primeiro propietario, Francisco Canosa, nin co segundo e último, José María Toja, un home este que tiña un andar pousado, pachorrento... como o vello autocar. E fóra das horas de servizo estaba sempre aparcado, ou en Camariñas mirando ao mar, ou en Vimianzo, na marxe esquerda da estrada Coruña-Fisterra, á altura da praza, fronte ao cuartel da Garda Civil. E foi todo un símbolo da época, unha divisa, unha icona que aparece en vellas fotografías e imaxes que o identifican coa capital de Soneira.

Todos sabemos que a vida non se para, nin para os coches. Algúns anos despois, o vello Packard quedou obsoleto. E aínda que seguía funcionando, os propietarios prescindiron del retirándoo entre 1979/1980, despois de percorrer a súa historia o arco completo, aínda que a súa imaxe perdura na memoria de moitos. Para substituílo, José María Toja adquiriu, tamén de segunda man, un furgón Mercedes , PO-51.564. Tempo despois, o 17 de maio de 1983 sufriu un grave accidente no quilómetro 1 da estrada entre Vimianzo e Camariñas: á unha da tarde saíu da calzada por un fallo mecánico na dirección e precipitouse por un desnivel. O balance foi dun ferido grave, precisamente José María, e tres leves. O condutor e propietario faleceu aquel mesmo día, aos 72 anos.

Tempo máis tarde, o Packard saíu do garaxe de Vimianzo no que estivo moitos anos, ao adquirilo unha empresa de despezamentos, De la Fuente e Esmorís, de Lalín, para rematar os seus días, fóra dos faros que aínda están en mans da familia Toja. Luis Eiroa Toja, neto do dono, confesa o erro de despezalo. En fin, que a vida dun coche tamén é unha viaxe que chega ao seu fin. Obxectos e personaxes que xa non existen, que xa non están, pero que ao ver a súa imaxe seguro que reviven recordos.