O Plan Único deixa na Costa da Morte 7 millóns e medio de euros

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

Os concellos destinarán os fondos a gasto corrente, investimentos e axuda social

04 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O pleno da Deputación dá a Coruña aprobou por unanimidade a primeira achega do Plan Único (POS+ 2020), que suporá un investimento de máis de 41 millóns de euros nos 93 municipios da provincia, unha cantidade que se irá incrementando progresivamente ao longo do exercicio coa incorporación dos fondos adicionais.

Na Costa da Morte este plan deixará unha inxección inicial de preto de 7,6 millóns de euros, dos cales a metade serán destinados ao financiamento de 48 obras de construción e melloras de infraestruturas públicas.

Beirarrúas e mellora de vías e camiños en Cabana, A Laracha, Ponteceso, Camariñas, Dumbría ou Muxía; redes de saneamento e abastecemento de auga en Carballo, Coristanco, Cerceda, Fisterra ou Vimianzo; melloras na iluminación pública de Cee ou subministracións como o novo vehículo para a Protección Civil de Muxía e un camión para a recollida de lixo en Laxe son algúns dos proxectos que contarán este ano co financiamento do POS+ 2020.

Outra parte do Plan Único, máis de 2,6 millóns, destinaranse a sufragar parte do gasto corrente dos concellos; e algúns executivos tamén derivarán parte da axuda á redución da súa débeda (Camariñas) ou ao pagamento a provedores (Camariñas, Coristanco, Malpica e Muxía).

Doutra banda, o plan provincial chega este ano cunha achega especial de 4 millóns (máis de 689 miles euros para a comarca) procedentes do superávit para sufragar os gastos sociais extraordinarios derivados da crise sanitaria do covid-19.