O Parlamento apoia a cesión da Lonxa Vella de Camariñas

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CAMARIÑAS

José Manuel Casal

O PSdeG pedía que a titularidade pase ao Concello, pero o PP veo inviable e opta por unha concesión a longo prazo

18 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Parlamento de Galicia aprobou onte unha proposición non de lei do PSdG emendada polo PP para que a Xunta lle ceda o uso da Lonxa Vella de Camariñas ao Concello.

A pretensión dos socialistas, como defendeu a deputada camariñá Encarna Liñeiro, era que a titularidade pasase directamente ao Concello porque «máis que un edificio, é unha institución en Camariñas» e, ademais, o ente local está disposto a facer un esforzo importante para póla en valor como Museo do Mar e espazo para aulas.

Con todo, en aras que se adopte algunha iniciativa «canto antes», aceptou a postura do PP, que explicou Martín Fernández. «Non é posible transferir a titularidade do edificio, xa que se atopa ao final do peirao, actualmente con uso pesqueiro, polo que está inmerso dentro da actividade portuaria e non se dá a circunstancia de atoparse integrado no tecido urbano da localidade», sinalou o deputado, á parte de recalcar que a alcaldesa de Camariñas, despois de reunirse coa presidenta de Portos, é coñecedora da disposición da Xunta a colaborar, pero a través dunha concesión despois dunha solicitude aínda por presentar.