A Fenaucam afianza peso e irá por unha nova edición

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

BASILIO BELLO

Desde o Club Náutico camariñán, organizador do encontro, apuntan que puideron andar preto dos 6.000 visitantes estes días

17 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, dicía o venres pola mañá en Camariñas que uno dos retos desta terceira edición da Feira Naútica da localidade, a Fenaucam, sería superar a cifra dos 3.500 visitantes do ano pasado. Pois ben, parece conseguido. Na organización, o Club Náutico, están satisfeitos de como marcharon estes tres días de actividade e, particularmente, as tardes.

Martín Castiñeira, presidente da entidade, dicía onte a iso das sete, cando xa algúns postos comezaban a recoller, que se as contas non lle fallaban, en función dos billetes entregados, poderían achegarse ás 5.500-6.000 persoas. Tamén así o sinala o secretario, José Manuel Olveira, que engade outro dato: tan só as lanchas de Salvamento e da Garda Civil, que apenas estivo alí unhas horas, recibiron 700 visitas.

Obxectivo cumprido, pois, o de converter Camariñas no epicentro do mundo do mar e, particularmente, de todo o que ten que ver coa náutica. Onte, renderon tributo á serie Mareas Vivas, con Isabel Blanco e Xaquín Caamaño na localidade, entre outros. Olveira indica que se produciron vendas -mesmo dalgún iate- e que xa pensan na cuarta edición: ademais da a náutica, enfocarana ao turismo e a gastronomía, para o que agardan volver contar co apoio de Concello, Deputación, Xunta e Abanca, como nesta edición.