As reclamacións por danos ante os concellos crecen na Costa da Morte ano tras ano

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

ANA GARCIA

Camariñas gaña un preito polo que lle pedían 56.000 euros

22 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os cidadáns actúan cada ve máis ante os concellos para esixir indemnizacións en base á responsabilidade patrimonial da Administración. Por exemplo, para reclamar unha compensación por danos provocados tras un incidente debido á deterioración ou mal estado dos bens e servizos públicos. Este aumento, ademais de ser corroborado por varios alcaldes consultados, pódese ver nos expedientes de responsabilidade que se tramitan nos propios concellos, que son a inmensa maioría. Pero tamén nas sentenzas que se publican cando se esgotou a anterior vía, e non queda outra que acudir aos tribunais. Tamén se percibe ese incremento nas resolucións, que hai uns anos era case inexistentes.

Unha das últimas que se coñeceu afecta a Camariñas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o mes pasado o recurso dunha veciña que pedía 56.666 euros ao Concello pola lesións e secuelas derivadas da caída que sufriu na Travesía do Muíño o 13 de febreiro de 2013. Era pouco antes das dez da mañá. Esta muller, que camiñaba acompañada de dúas persoas, cando estaba preto dos colectores escorregou e caeu ao chan, asegurando que foi polo mal estado do pavimento e a grava miúda. Sufriu un «severo traumatismo», foi atendida no centro de saúde e despois no hospital de Cee, con fractura de ombro esquerdo. Días despois foi intervida e colocáronlle tres parafusos. Ata o 14 de agosto non recibiu a alta, aínda que non se recuperou do todo, segundo un informe médico. A Policía Local emitiu un informe máis dun mes despois, recoñecendo «o deficiente estado de mantemento» da calzada.

Pero nin o xuíz do Contencioso, primeiro, nin agora os o TSXG de Galicia aprecian responsabilidade municipal. Creen que a demandante «non a sustentou nunha proba concluínte e sólida». A vítima pedía que se buscasen máis testemuñas, «pero iso non é misión do órgano xurisdiccional».

Os xuíces non aprecian unha proba clara de como foi o accidente e a súa causa, «parece que se debeu a un voluntario e lamentable esvarón do que non cabe facer responsable ao Concello»», cuxa actuación non se acredita como clave, nin por acción nin por omisión. E non consta que teña habido accidentes análogos no mesmo lugar.

«Non como o corredor dunha casa»

Os xuíces sinalan, na sentenza denegatoria de Camariñas, que o informe da Policía Local que dá a razón á denunciante sobre a vía chegou tarde, co que non se pode concretar se o estado da calzada era o mesmo que cando se anunciou. Por outro, os xuíces din que non se pode pretender que a rúa «se manteña impoluta e coidada cal se tratase do corredor dunha vivenda», pola falta de medios suficientes, e menos aínda se ao final se pode achacar á distracción ou torpeza ou outra manobra anómala». 

ANA GARCIA

Os bolardos, fonte de queixas

Un dos puntos habituais de reclamacións en Carballo son os bolardos da rúa Desiderio Varela. De quen sufriron un incidente con eles, pero tamén ao revés, o Concello reclamando o pagamento. Lembra o caso dos bancos da rúa Valle-Inclán.