«A palabra que teño é gratitude»

S. G. Rial, Ana García CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

ANA GARCÍA

Tatiana Alves, a viúva de José Secundino Suárez, está emocionada coa onda de solidariedade veciñal que permite que vaia a ter unha casa en Camelle grazas ao esforzo de todos

07 dic 2018 . Actualizado ás 21:15 h.

A próxima semana cumprirase un ano desde que a asociación A Pergoliña de Camelle xa tiña decidida a compra dunha casa da localidade, en estado de abandono, para reparala e servir de fogar a Tatiana Alves e os seus tres fillos. O terceiro, unha nena, é Abril, e naceu despois do súbito falecemento do marido de Tatiana, José Secundino Suárez. As circunstancias de desamparo nas que quedaba a muller, unido ao enorme afecto que en Camelle tiñan polo seu veciño, desataron unha impresionante onda solidaria que permite que esa vivenda, entón cuberta de maleza, estea en plena reforma integral e en poucos meses será unha casa habitable.

Hai uns días, Tatiana e os veciños que desinteresadamente colaboran na construción, cada un como pode e cando pode, mostrábaa. «Do que era hai un ano e como está agora, nótase bastante o cambio», sinala, emocionada en todo momento. E sempre coa nena. «Chámase Abril, naceu o 3 de abril. Foi o pai o que lle puxo o nome», explica.

Sen excesos nas palabras, e contendo a bágoas coa súa nena pequena en brazos, si ten claro cal ha de elixir: «A palabra que teño é gratitude. De agradecemento por todo. Dentro do malo, claro, tiven moita axuda».

Asegura que se mesturan as sensacións: «Teño tristeza, pero a casa tamén era o que quería el, por iso me dá alegría que se concrete. Son sentimentos moi mesturados. O que estarei é moi agradecida sempre» aos veciños de Camelle. Deles partiu a axuda esencial, inmediata, xa case desde o día da morte do marido, pero que despois se foi ampliando pola comarca tamén de fóra. Houbo xestos grandes e pequenos, todos sumando. Por exemplo, tamén en decembro do ano pasado sóubose que un doante de Carballo, que quixo permanecer no anonimato, achegou 6.000 euros, que foron claves para poder comprar a casa. Entidades como Amigos de Galicia entregaron tézalas para a cuberta. Moita xente, na medida das súas posibilidades, deu algo, e ségueno facendo con material ou con traballo.

Tatiana é natural do Brasil. José Secundino, de Camelle, quedou orfo de pequeno e emigrou a Inglaterra, onde xa estaba a súa nai. Foi aí onde empezaron e despois montaron a súa vida na localidade natal del. «Todos o querían moito, por iso todos se volcan con estas iniciativas», explicaba fai uns meses a presidenta da asociación de veciños. Ese apoio notouse tamén en xestos como o funeral de aniversario da súa morte, coa igrexa abarrotada. Outro xeito, tamén, de expresar o seu apoio.