En dous meses liquidouse case todo o emprego xerado desde Semana Santa

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

BASILIO BELLO

Só en novembro se sumaron ás listas do paro outras 249 persoas na comarca

05 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Co que custou reducir as cifras de desemprego na Costa da Morte para, ao final, quedar en nada. Contrato a contrato e renovación a renovación logrouse canalizar, dalgún xeito, as estatísticas na Costa da Morte. Ás portas de Semana Santa estaban rexistradas nas listas do Inem 7.336 persoas, segundo os datos da Consellería de Economía, Emprego e Industria. A 31 de agosto, 6.739.

Pois ben, foi marcharse o turista da Costa da Morte e o paro empezou a brotar, e non precisamente de cor verde, senón de cor negra. Negro dun mercado laboral incapaz de xerar traballo, incapaz de absorber a man de obra sobrante, moita dela cualificada.

Nin o acusado saldo vexetativo negativo nin o repunte da emigración lograron mellorar as cifras de emprego. Ao revés. De feito, se se extrapolan os datos do paro do mes de novembro do 2018 cos do mesmo mes do 2017, estes apenas varían, e iso que a comarca perdeu a friorenta de mil habitantes en apenas un ano. En apenas dous meses (outubro e novembro) liquidouse case todo o emprego xerado desde Semana Santa, é dicir case cinco meses.

O 2018 non pasará precisamente á historia por ser excesivamente boiante no que a altas á Seguridade Social refírese. Un dato, en agosto só se xeraron 45 postos de traballo netos. Nin un mais, nin un menos. E en novembro foron 249 as persoas que perderon os seus postos de traballo na Costa da Morte. E o peor, segundo o ocorrido en exercicios anteriores, é que todo apunta a que isto non fixo máis que empezar, polo que se prevén novos números vermellos para decembro, xaneiro e febreiro.

Nin os bos datos de Laxe e Camariñas compensaron as nefastas estatísticas rexistradas no conxunto o mercado laboral. E por sectores, a agricultura continúa sendo un balón de osíxeno, xa que representa o 3 % do total de parados censados. Tamén gaña protagonismo a construción, cun 16 % do desemprego da zona. E perden, con folgura, o sector terciario e a industria, con taxas do 59 e o 22 %, respectivamente.

Despedimento

Por outra banda, un traballador foi despedido por Ferroatlántica por «un comentario que fixo nunha rede social». Así o denunciou onte a CIG, quen cualificou ao afectado como un traballado que fora delegado da CIG. E desde a central acusan á empresa de insistir «na campaña de represión sindical».