Pouco mantemento e humidade danan os pasamanos metálicos

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

BASILIO BELLO

Algunhas proteccións en mal estado dependen de Portos e outras dos respectivos concellos

16 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O luns todo o mundo sinalaba a falta de mantemento como un dos motivos do afundimento da plataforma no Marisquiño en Vigo. E é que o óxido e o cemento non levan nada ben. Cando o ferro comeza a degradarse o primeiro que sofre é a súa unión co formigón, polo que unha varanda en mal estado só precisa unha «axuda» para vir abaixo. Cando se trata de elementos que están xunto ao mar ou un río a corrosión é aínda moito maior, por efecto da humidade e o salitre. En ocasións a responsabilidade é do Concello correspondente, en tanto que noutras depende de Portos de Galicia.

Un dos casos máis claros son as proteccións do porto de Laxe, que levan tempo sufrindo as inclemencias do mar e o tempo, e que agora no verán están máis expostas xa que a poboación da localidade multiplícase. Tamén en Camelle é necesaria unha man de pintura no dique, talvez a zona máis visitada do pobo porque é o lugar desde o que observar a que foi vivenda de Man, un dos principais atractivos da localidade.

Así mesmo precisan mantemento as varandas na Ponte do Porto. O asunto xa foi tratado nalgún pleno ante o perigo de que se produza un accidente.

BASILIO BELLO

Camelle. O dique de abrigo de Camelle adoita estar cheo de visitantes, atraídos pola figura e a obra de Man. De pouco vale que se trate dun acceso prohibido por Portos. O mal estado das varandas só empeora a seguridade. 

BASILIO BELLO

A Ponte do Porto. A ponte que dá nome á localidade camariñá non se atopa no seu mellor momento. Á varanda do paso sobre o río Grande do Porto faille falta algo máis que un lavado de cara. Sería preciso comprobar en que estado atópanse as suxeicións, co fin de que o pasamanos cumpra a súa función.

BASILIO BELLO

Paseo fluvial. Tamén xunto ao río Grande do Porto hai un paseo que necesita melloras. As proteccións necesitan unha boa man de pintura, por unha cuestión estética, pero tamén de mantemento, posto que a pintura axuda a protexer o metal, sobre todo o áreas tan húmidas como as inmediacións dunha canle.