«Os naufraxios poden ser un aliciente turístico propio, único e diferencial»

Verónica Couto / Nerea Costa CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

DIEGO ALONSO FREIRE

A cuarta edición da Noite dos Naufraxios aporta novas teatralizacións. Explícao o dinamizador cultural Bernarino Martínez

14 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Bernandino Martínez Castiñeira (Camariñas, 1971), formado en pedagoxía teatral, leva 4 anos dirixindo as pezas teatrais da Noite dos Naufraxios. Falou en Radio Voz Bergantiños sobre as lendas e o misterio que rodea este capítulo da Costa da Morte, que se representa hoxe en Camariñas. As teatralizacións son unha maneira necesaria e orixinal de achegar a historia com,arcal.

-En que vai consistir a Noite dos Naufraxios?

- O que nós facemos é recuperar un pouco toda esa cultura inmaterial do mundo dos naufraxios. Hai moitos libros sobre iso, pero o que a nós nos interesa son as historias, as anécdotas e as curiosidades que se orixinaron en torno aos naufraxios e facémolo nun lugar simbólico como o Cemiterio dos Ingleses, que é unha personaxe máis. Ese lugar no que de repente sobreviven personaxes doutros tempos e contan as súas historias, vidas, a relación con xente do entorno.

-O lugar para recrear todo iso non podía ser mellor que o Cemiterio dos Ingleses, non?

-Realmente estamos falando do único cemiterio dedicado a un barco, probablemente, de toda Europa. Trátase dunha das paraxes máis fatídicas da Costa da Morte. Aínda que este ano o que facemos é reincorporar historias novas. Iremos ata a Arou e imos contar a historia dun barco, que é probablemente un dos máis coñecidos, sobre todo polas súa alegrías. A maioría viñan acompañados da desgraza polos mortos deixados pola costa, pero neste caso o Nil deixou unha carga variadísima de obxectos: coches, teas, champaña... Tamén recuperamos outro barco que foi o Banora. Un barco que levaba 65 mi toneladas de laranxa e pódeste imaxinar como quedou toda a ría. Tamén xerou moitas curiosidades e este ano toca recuperalas.

-Con este tipo de actos, preténdese poñer en valor este patrimonio histórico?

-Isto orixinouse a raíz da ruta dos naufraxios, pero o que nos están pedindo e xa o fixemos este ano é non só quedarnos no Cemiterio dos Ingleses. Hai outras paraxes na Costa da Morte cos seus propios barcos e coas súas propias historias. Xa fixemos contactos con varios concellos, hai reticencias que non acaban de velo. A nosa intención é espallar todas estas historias porque o que nós facemos é sacalas a luz.

-Nos últimos ano determinados puntos de interese histórico patrimonial teñen visitas teatralizadas con moito éxito. Cre que coa historia dos naufraxios se podería facer algo similar de maneira periódica?

-Sen ningunha dúbida, aínda que quería marcar unha diferenza. Ao noso chamámoslle teatro de inmersión, onde non es un espectador máis: nós involucramos ao público, por iso o lugar e o espazo son fundamentais. Sería perfectamente viable e incluso se poden facer rutas vinculadas aos naufraxios.

-Como ve as posibilidades de que isto se leve a cabo da man dos diferentes concellos?

-Nós establecemos contactos pero á hora da verdade tampouco se materializou nada. Eu espero que isto ocorra e senón buscaranse outros camiños. Teño claro que imos seguir con estas historias, esta é xa cuarta edición. A xente desprázase 6 km desde Camariñas, veñen de toda a comarca, pagan a súa entrada e o ano pasado foron 80 persoas. Nós imos seguir insistindo en que isto é unha recuperación da nosa identidade e ao mesmo tempo poder ser aliciente turístico, como un recurso propio, único e diferencial.