«Hai moitas familias que xestionan a dor polos seus propios medios»

Ana Lorenzo Fernández
ana lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

CAMARIÑAS

O seu equipo presta apoio a parentes de vítimas de accidentes como o ocorrido esta semana en Carnota

17 jun 2018 . Actualizado ás 23:09 h.

É moi duro ter que aceptar que un familiar perdeu a vida de forma repentina nunha catástrofe, sobre todo cando se trata dun menor ou varias vítimas. Para intentar soportar este transo, hai 20 anos creouse o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (Gipce), dependente do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e que coordina Ana Isabel Martínez Arranz (Burgos, 1972). Unha das súas últimas intervencións foi esta mesma semana, cando dous irmáns de Carnota de 20 e 14 anos perdían a vida nun accidente de tráfico. Ana é psicóloga do Concello de Camariñas.

-En que consiste o seu traballo?

-Nós traballamos a través do 112, son eles os que nos alertan, xa que existe un protocolo no que temos que actuar cando unha situación reúne determinadas características. Nalgúns casos realizamos unha valoración do suceso para determinar se é necesario ofrecer atención psicolóxica, e noutros xa actuamos directamente.

-En que situacións é necesaria a súa participación?

-Intervense sempre que hai menores implicados, como foi o caso de Carnota; cando son dous ou varios membros da mesma familia, algo que tamén sucedeu neste accidente; e cando hai desaparicións, afundimentos ou moitos afectados -aínda que non falecidos- que poden resultar feridos, como nun accidente de autobús. E logo tamén temos un protocolo específico para os casos de morte por violencia de xénero, xa que hai un grupo de compañeiros especializados nestes sucesos. Eses adoitan ser os casos nos que ofrecemos axuda, e logo as familias deciden se a precisan ou non. En moitos sucesos, se hai vítimas menores, son os centros escolares os que solicitan a nosa participación.

-Deben trasladarse directamente ao lugar do suceso?

-Vai depender do que se solicite en cada caso. Nalgunhas situacións os profesionais que están no lugar dos feitos, xeralmente o persoal de Protección Civil, Policía Local ou 061, chámannos porque ven á familia moi afectada. Trasladámonos a calquera punto onde estean eles, pero a condición de que nos dean autorización para axudalos.

-Como se traballa ante estas situacións tan tráxicas?

-Estamos preparados para abordar este tipo de situacións, sabemos a responsabilidade que implica intervir en sucesos con estas características nos que as persoas están a pasar por momentos moi duros, como o que ocorreu en Carnota. Se a intervención é coa familia, trabállase desde os primeiros momentos para intentar axudarlles a xestionar todo o que ten que ver co proceso de duelo, para que non lles cre problemas posteriores. Hai que empezar a xestionar cousas e pólas en orde desde o primeiro momento, para que logo non deriven noutro tipo de complicacións.

-Cada caso é distinto?

-Cada persoa dunha mesma familia pode reaccionar de distinta forma, depende de cada persoa, da súa situación persoal e do momento polo que estea a pasar. Temos que ter en conta todos estes datos para saber se unha persoa necesita maior ou menor atención. En contra do que poida parecer, hai moitas familias que xestionan a dor polos seus propios medios. Algo que desde fóra é terrible, a xente conségueo xestionar cos seus recursos, apóiase na familia e nos amigos.

-Cada traxedia é distinta, pero hai puntos en común?

-Cada traxedia é distinta e é parecida. Son distintas porque as persoas son distintas e porque nunca hai dúas situacións iguais, pero si que teñen puntos en común, porque nós sempre intervimos en situacións tráxicas, que son repentinas, que a xente non se agarda que pase algo así. Cando unha morte ocorre deste xeito, sempre é maior o impacto que ten. É distinto morrer así que dunha enfermidade, e sabendo que vas perder á persoa. Isto sempre ten un impacto maior e é difícil que poidas darche conta do que está a pasar. Mentalmente poida que si, pero emocionalmente, que é o que nós intentamos xestionar, é máis complicado, porque ninguén se agarda que suceda algo así, que che cambie a vida nun momento.

«Os casos con nenos sempre son os máis complicados»

 

 

O Gipce está formado na actualidade por 35 persoas en formación e por outras tantas que interveñen directamente nas catástrofes. Sempre hai un responsable de garda que se encarga de organizar un dispositivo especial cando o 112 require a súa presenza nunha catástrofe.

-Ademais de accidentes de tráfico con falecidos, este grupo tamén estivo en Angrois e recentemente en Tui. Que tipo de traxedias son as máis difícil de xestionar?

-Canto máis impacto teña e máis afectados haxa é máis difícil de xestionar, porque hai máis persoas ás que hai que informar, atender e axudar. A situación é totalmente distinta se é unha persoa que se son dez ou vinte afectados, porque por cada un deles contas con catro ou cinco familiares aos que hai que atender.

-Ata onde chega o seu traballo?

-A nosa intervención non depende do tempo no que a persoa tarde en superar o transo. Somos un servizo de urxencia e somos como o 061, que che atende nunha urxencia, pero non che fai o seguimento posterior. Abordamos e atendemos ás persoas ata o enterro, aínda que nos casos de desaparición é un pouco distinto. Logo, a atención ten que continuar polos servizos normalizados.

-Como se preparan os membros do Gipce para que estas situacións tráxicas non lles afecten?

-Nós non somos como os demais servizos de urxencia, e non estamos a traballar no Gipce todos os días, nin é o noso ocupación principal. Todos temos outros empregos e só intervimos en determinadas situacións, algo que nos axuda a protexernos. É certo que non son casos doados e temos que prepararnos moito e moi ben a nivel emocional sen que iso interfira no noso traballo. É verdade que é complicado dar portada cando estiveches implicado en situacións que che requiren moito esforzo a nivel emocional. Non todos os casos che tocan do mesmo xeito, pero os casos con nenos sempre son os máis complicados.