Unifersa aforrarase 125.000 euros de ICIO por instalarse no polígono industrial da Laracha

La Voz CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

Daniel Cabanas

O pleno, que tivo que ser atrasado porque se detectaron casos de covid-19 entre os funcionarios municipais, aprobará unha bonificación do imposto do 95 %

29 ene 2022 . Actualizado ás 19:29 h.

Unha das cuestións que se abordarán no próximo pleno do Concello da Laracha —que se atrasará uns días pola detección de casos de covid-19 entre funcionarios municipais— será a bonificación do Imposto Municipal de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) nun 95 % ao proxecto de creación da nave industrial da firma Unifersa, no parque empresarial larachés.

A cota que tería que pagar ascendería a 131.219, 03 euros, pero grazas á bonificación que propón o executivo aforraranse 124.658,08 euros, co cal acabarán pagando unicamente 6.560,95.

O verán pasado, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, participou nun acto simbólico de colocación da primeira pedra da futura nave de Unifersa na Laracha. En 2018 a firma adquiriu 42.000 metros cadrados de chan no parque empresarial froito dun «esforzo tremendo», dixo entón o director xeral da compaña, Jesús Vieito. Naquel momento mesmo se fixeron cambios urbanísticos no polígono para poder darlle máis altura á nave, que Vieito calcula que poderá estar finalizada de cara ao próximo ano. Terá 19.000 metros cadrados e será froito dun importante investimento de 10 millóns de euros. A idea é ofrecer 37 postos de traballo e crear un gran centro loxístico que será un referente para a comarca e que redundará no desenvolvemento industrial da Laracha.