A carballeira de San Fins, na Laracha, xa é municipal

La Voz CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

CONCELLO

O Concello completou a expropiación das leiras dun das paraxes naturais mellor conservados do municipio

27 novs 2021 . Actualizado ás 17:44 h.

A carballeira de San Fins, na parroquia larachesa de Montemaior , xa é de titularidade municipal. O Concello completou a expropiación das leiras dun das paraxes naturais mellor conservados do municipio, e que esta semana visitaron o alcalde, José Manuel López Varela, e os edís Jesús Souto e Pablo Cambón.

O goberno local investiu 72.620 euros, todos de fondos propios, na adquisición de 21.716 metros cadrados nos que se distribúen doce parcelas, cualificadas no PXOM como chan rústico de protección natural de espazos libres. É unha zona de vasta vexetación e numerosas árbores autóctonas, algúns centenarios, como carballos, castiñeiros, acivros e outras especies.

Xa coas leiras baixo a tutela pública, o Concello promoverá agora diversas iniciativas para «recuperar, consolidar e pór en valor econatural» este espazo de alto valor ambiental para aproveitar o seu potencial, sobre todos no didáctico e o educativo. Os primeiros plans de actuación centraranse na mellora dos accesos e na elaboración dun inventario con todas as especies, reflectindo o seu estado de conservación e as accións que haxa que levar a cabo para protexer tanto o espazo no seu conxunto como as mellores árbores.