A Laracha proporá no pleno destinar o remanente a sete proxectos de «interese veciñal»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

López Varela, alcalde de A Laracha
López Varela, alcalde da Laracha SANTI GARRIDO

O executivo local exporá aprobar un suplemento de crédito e un crédito extraordinario para incorporar aos orzamentos 236.546 euros para sufragar o custo destas medidas

24 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello da Laracha tratará no próximo pleno, previsto para o venres, destinar o remanente líquido de tesourería do exercicio do ano pasado para «financiar proxectos de interese xeral para a cidadanía larachesa», apuntan fontes municipais. En concreto, proporase aprobar un suplemento de crédito e un crédito extraordinario para incorporar aos orzamentos 236.546 euros para sufragar o custo dun total de sete medidas.

Por unha banda, o Concello quere utilizar parte dese importe para realizar o plan de mellora e mantemento da rede viaria do municipio. Así mesmo, a partida inclúe reformas na rede de abastecemento de auga, e as obras de ampliación do parque infantil da praza do Recreo. Doutra banda, o Concello prevé usar parte dese importe para adquirir equipamentos para instalacións culturais e museos, así como adecuar os espazos deportivos. Ao mesmo tempo, dentro do suplemento de crédito inclúese o custo da adquisición de mobiliario urbano e do desenvolvemento do proxecto para a nova numeración de vivendas nas parroquias.