Aires renovados para a irreverente Mikaela

La Voz

A Laracha

BASILIO BELLO

Catro novos de Buño compoñen a nova directiva da asociación que organiza esta festa

26 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Esta Mikaela será especial. E non só por caer en 29 de febreiro, senón polo aire renovados que imprimirán nela a nova directiva da asociación organizadora, composta por catro rapaces de Buño que se decidiron este ano a tomar as rendas desta irreverente celebración. José Ramón Lago, Alberto Añón, David Dourado e Adrián Rama afanáronse por recuperar o tempo perdido na renovación da directiva, o que trouxo un certo atraso na organización, para planear unha Mikaela que non deixará a ninguén indiferente.

Aínda que manterá a esencia que a fixo tan popular, haberá cambios importantes, como o lugar de celebración da verbena. Dado o significativo aumento de público dos últimos anos, «practicamente non se collía debaixo da carpa no sitio no que se facía a festa ata agora», sinala Alberto Añón. Por iso movérona para detrás do centro comarcal, un espazo que, ademais de amplitude (uns 1.200 metros cadrados, segundo os cálculos dos promotores), proporciona tamén máis tranquilidade. Pois se a falta de espazo estaba sendo un inconveniente, as queixas dalgúns veciños polo alboroto ata altas horas da madrugada, tamén o era.

Farán menos paradas no percorrido que acompaña á gran figura da Mikaela cara á súa queima final, aínda que serán cada unha delas de maior duración. E, ademais, haberá autobuses por medio da plataforma somosfesta.com que farán o seguinte percorrido: A Coruña (1445), Arteixo (15.05), A Laracha (15.25), Carballo (15.45), Buño (16.00); e con volta ás 4 da madrugada. O ticket con ida e volta custa 12 euros. «Queremos evitar que a xente colla o coche bebida e, ademais, así libérase espazo ao non haber tantos coches pola vila. O prezo é moi bo», sinala Añón.

Tamén haberá un punto de urxencias con ambulancias. «Nos últimos catro anos esta festa está indo moitísimo a máis; hai que ter ferramentas para controlar a tanta xente e que todo saia ben, de aí os cambios», conclúen.