O 3 de febreiro comezará na Laracha a recollida do colector marrón

La Voz CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

ANA GARCIA

Ese día, o Concello empezará a transportar o material recolleito neses recipientes á planta de Sogama, onde se utilizará para producir compost de calidade

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O próximo 3 de febreiro, luns, comezará a recollida do novo colector orgánico marrón, o da quinta fracción, de materia orgánica. Ese día, o Concello empezará a transportar o material recolleito neses recipientes á planta de Sogama, onde se utilizará para producir compost de calidade aplicando a eses residuos un tratamento respectuoso co medio ambiente.

Nos próximos días, e segundo o goberno local, o Concello completará a colocación dos colectores, coas súas correspondentes ancoraxes, nas localidades da Laracha, Paiosaco e Caión, e tamén na urbanización Monte Claro de Cabovilaño, xa que son os núcleos máis habitados do municipio.

Estes colectores marróns terán un peche e, xa que logo, só se poderán usar polas persoas que teñen a chave. Para obtela hai que sumarse á iniciativa Ti tes a chave, ademais de formar parte do chamado voluntariado marrón. Os que desexen anotarse poden facelo ou a través da páxina web local (www.alaracha.gal), ou acudindo aos puntos de recollida do kit: consistorio, edificio administrativo e centro social, na Laracha; centro sociocultural de Paiosaco, e centro social de Caión.