Naturgy realizará labores de xestión da biomasa na Laracha

La Voz CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

JOSE MANUEL CASAL

Encargarase da franxa de cinco metros de protección dos condutores eléctricos externos

16 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello da Laracha anunciou que nos próximos días a multinacional Naturgy empezará cos labores de xestión da biomasa en todo o termo municipal. En concreto, na franxa de cinco metros de protección dos condutores eléctricos externos.

Estas actuacións levarán a cabo para dar cumprimento á normativa incluída na Lei de Montes de Galicia en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Por iso, o Concello comunicou aos propietarios dos terreos afectos que teñen un prazo de quince días para que, no caso de que o consideren oportuno, efectúen previamente estes labores de limpeza antes de que o grupo Naturgy proceda á execución destas tarefas de xestión da biomasa. Os planos do trazado das liñas de alta e media tensión onde se prevé actuar pódense consultar no taboleiro de anuncios do Concello da Laracha.