O Laracha xa ten substitutos no banco

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

JOSE MANUEL CASAL

Trátase de Héctor Pena (primeiro) e Javi Fuentes (segundo), de Carballo e Cerceda

07 dic 2019 . Actualizado ás 21:56 h.

O Laracha xa ten substitutos no banco. Pouco tempo halles levado aos directivos dar co carballés Héctor Pena García (de Baldaio, 1974) e o cercedense Javier Fuentes Vilanova (de Encrobas, 1973), salvo que xa comezasen a procura días ou semanas antes de producirse a baixa de Nando Martínez (este venres) como insinuou en declaracións a La Voz o agora ex vicepresidente Tonecho. O bergantiñán levará as rendas do equipo e Fuentes será o seu axudante. Había tempo que o Laracha non sentaba no banco a técnicos da zona.

Héctor Pena procede do Brexo Lema de Primeira Galicia, equipo no que estivo a pasada tempada. Na anterior dirixiu ao San Tirso de Preferente Galicia. Ambos os conxuntos remataron as súas respectivas ligas co carballés no banco na duodécima posición.

Pola súa banda, Javi Fuentes ten unha vinculación moi forte con Laracha. Primeiro, porque vive alí desde hai anos. En segundo lugar, porque militou no equipo rojiverde na época de José Luis Vara (era lateral esquerdo), ademais de en outros moitos da talla do Fabril, o Murcia, o Racing de Ferrol, o Cultural Leonesa, o Zamora e o Atlético Arteixo, entre tantos. Como técnico, dirixiu o Encrobas de Terceira Galicia nas campañas 2015-2016 e 2017-2018.

Ambos empezarán a preparar ao equipo larachés o luns, que é cando os xogadores retomarán os adestramentos. A súa estrea será o domingo nun máis que atractivo derbi comarcal contra o Sofán no Carral. Este choque está fixado, a priori, para esa data ás 12.00 horas. Pola tarde disputarase o Paiosaco-Bergan.