José Manuel Verdía: «Levo máis de vinte anos facendo descenso BTT»

Melissa Rodríguez
MELISSA RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

José Domínguez

Atletas do Atlántico | O último logro deste caionés foi un campionato galego en Máster 40

21 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai deportes que esixen moito máis que sentimento e adestramento. Son eses en os que en cada proba che arriscas a vida. José Manuel Verdía Verdía (Caión-A Laracha, 1976) forma parte dese grupo. «Levo máis de vinte anos facendo Descenso BTT», di tras botar contas.

Foi en plena adolescencia, con catorce ou quince anos, lembra, cando un veciño larachés, Alfonso Grela, meteulle a espiral do ciclismo de montaña: «El era un chavalote ó que lle gustaba a bici e a natureza. Chegamos a ter en Caión un grupo de trece rapaces que saiamos todos os sábados e domingos a gozar do monte».

Xa por aqueles tempos, comezou a destacar: «A min subindo quitábanme os ollos e eu recuperáballes baixando», comeza explicando, ao que engade: «Comecei a practicar, cada día gustábame máis e, con 23 ou 24 anos, metinme a competir. Máis que nada, porque pagaba seis euros, subíanme todo o sábado en furgoneta ou no que fora, e tiña todo o día para tirarme polo monte cara abaixo. En Caión xa só eran tres baixadas ó día». Tamén foi por eses tempos cando comprou a súa primeira bicicleta preparada para esta modalidade extrema de ciclismo: «Unha bicicleta de descenso custaba coma un coche: un millón de pesetas. Non puiden tela ata que comecei a traballar».

Amplo palmarés

Eses foron os comezos deste caionés no deporte. Hoxe en día, con 43 anos, acumula no seu palmarés dous campionatos europeos, outro de España, sete ou oito galegos… Son moitos máis se se teñen en conta os segundos e os terceiros postos, e outras primeiras posicións, mesmo, en probas mundiais. O último logro de José Manuel foi o campionato galego na categoría Máster 40 conquistado a principios deste mes en Xunqueira de Espadanedo, Ourense.

Pero ollo á súa reacción: «Si, outro galego máis. Os resultados hai anos que me deixaron de importar. Agora móvome máis polo que me gusta o deporte máis pola xente coa que o practico. Lévoos vendo tantos anos que xa son como da familia», comeza comentando, ao que engade: «Dinme conta de que os bos resultados me influían positivamente e, os malos, negativamente, e que iso non podía ser, xa que isto ten que facerte feliz. Entón, agora doulle a mesma importancia a un primeiro posto que ao último. Tamén comecei a deixar de asistir ás carreiras sistemáticas para conseguir resultados e centreime nas que me gustan xa sexa pola organización ou polo circuíto».

Conta Verdía que, por exemplo, en Galicia, celébranse unhas tres probas ao ano. A cada unha delas acoden uns 150 corredores. Son cifras que xa de seu soas falan do escaso seguimento que hai deste deporte, polo menos na comunidade galega. E é que, non é para nada doado: «Nos adestramentos tes que ver o circuíto da carreira a pé e memorizar onde hai unha pedra, unha raíz… No momento da proba, o nivel de concentración é máximo, tes que frear o menos posible e pedalear seguido».

Múltiples lesións

O veterano engade que ante todo hai que ter «cabeza» para saber onde se pode ir rápido e onde non e, por suposto, que non é un deporte apto para aquelas persoas con medo ás alturas. No entanto, sempre se corren riscos que poden acabar en lesións. A el tocoulle sufrir «algunhas, bastantes»: «Teño cinco vértebras esmagadas, un cóbado cunha placa de titanio, una clavícula mal… As lesións hai que saber levalas. É un deporte moi psicolóxico, tenche que gustar moito». Neste larachés non cabe dúbida de que esperta paixóns: «A min apórtame todo. Mando eu. É una sensación moi particular». Temos, a recado, éxitos en Descenso BTT para longo.

Os nomes propios do deporte