Adxudicados catro proxectos de mellora da rede viaria en cinco parroquias larachesas

La Voz CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

ANA GARCIA

INFRAESTRUTURAS | Afectan a un total de trece núcleos de poboación, segundo lembrou onte o Concello

15 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Xunta de Goberno Local da Laracha adxudicou a execución de catro proxectos de mellora da rede viaria municipal, que afectan a trece núcleos rurais de cinco parroquias. Para a de Vilaño concorreron trece empresas, e foi adxudicado a Escavacións e Obras Candal. Inclúe catro actuacións diferenciadas nas estradas de Vista Alegre-A Barreira, A Barreira-A Ribela, A Areosa-Amboade e o camiño da Areosa que dá acceso ao lavadoiro. En total, 2.5 quilómetros lineais de melloras.

A actuación na parroquia de Cabovilaño consiste en mellorar dúas estradas que suman 1,3 quilómetros. Unha delas enlaza os núcleos da Braña, A Cacharra e A Teixoeira, e a outra está nos Mouriños. A empresa adxudicataria foi Canarga, a mellor entre 13 ofertas recibidas.

Os outros dous proxectos serán executados pola empresa zasense Construcións Ponciano Neto. Un deles consiste na mellora de catro camiños situados nas inmediacións do núcleo de Estramil, na parroquia de Torás (16 ofertas presentadas en total). O outro (nove licitadores) inclúe unha intervención na parroquia de Lendo (vía A Xesteira-A Torre), outra en Cabovilaño (lugar da Teixoeira) e outra en Coiro (Os Muíños de Arriba). Entre estas tres actuacións serán mellorados 1,6 quilómetros de rede viaria. Os catro proxectos están valorados nun total de 289.000 euros.