A Laracha e Arteixo forman 9 meses a 20 alumnos en carpintería e pintura

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

Os mozos terán opción dun contrato de polo menos 90 días máis

11 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Laracha e Arteixo formarán, un ano máis, a vinte alumnos (dez de cada municipio) nun obradoiro de emprego que comezou a semana pasada, pero que se inaugurou oficialmente onte, nun acto celebrado no edificio administrativo coa presenza dos dous alcaldes e do director xeral de Orientación e Promoción Profesional, ademais doutros edís, alumnos e profesores. É o quinto taller consecutivo dos dous concellos, denominado A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego.

Dez alumnos traballarán e formaranse na especialidade de pintura industrial en construción, e a outra metade en traballos de carpintería e moble. Serán nove meses de teoría (no mesmo inmoble no que estiveron onte) e de práctica (no edificio municipal do polígono), coa opción, a maior parte deles, de sumar polo menos tres meses máis de contrato nunha empresa, para profundar na aprendizaxe e, quizais nalgún caso, poder continuar. Mentres dura o curso, os alumnos traballarán no pintado interior e exterior de edificios e instalacións municipais da Laracha, ademais de mellorar o espazo recreativo e de sensibilización ambiental da contorna do Muíño dá Cachada.

O orzamento supera os 463.000 euros, dos que case 289.000 ponos a Xunta. O alcalde larachés animou aos participantes a que aproveiten esta oportunidade.

«O que se busca é a inserción laboral, e xa se teñen feito varios contratos»

Rocío López é a concelleira de Promoción Económica da Laracha, área da que depende o obradoiro. Xa son varios anos analizando a experiencia de traballar conxuntamente con Arteixo (do mesmo xeito que outros moitos concellos o fan cos seus veciños), algo que agora empeza a ser habitual, pero non nos inicios desta modalidade formativa, sempre en solitario. Cre que, en xeral, o modelo funciona. O obxectivo fundamental é evidente: «O que se busca é a inserción laboral, e xa se teñen feito varios contratos», en relación a casos que coñece do ano pasado, exalumnos que foron reclamados por unha empresa de Carballo, entre outras. Destaca que este ano perseguen ademais que polo menos doce persoas teñan tres meses de contratos cando acaben os nove meses de formación, que agora se concibe como dual, tras obter o certificado de profesionalidade.

Outras actuacións

Carballo. No Concello hai numerosas opcións formativas (cursos AFD, Escola Municipal de Hostalaría...). Tamén un obradoiro de emprego de garantía xuvenil, con doce alumnos (once mozos e unha moza). A formación é en carpintería, e céntranse na construción de mobiliario urbano.

Dumbría. Hai case mes e medio que arrincou o obradoiro de 20 alumnos en colaboración con Santa Comba e Mazaricos. Traballan en montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión, e en limpeza de superficies e mobiliario en edificios locais. A directora é Anabel Piñeiro. A Xunta achega 288.000 euros.