Un Arenteiro sen corpo técnico aterra en Lestón

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

BASILIO BELLO

TERCEIRA DIVISIÓN |  O Paiosaco loitará con moitas ansias por saír do descenso

18 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Esta semana empezou con boas noticias para o Paiosaco tras a resolución favorable da Federación do partido suspendido contra o Barco. E os de Lestón queren acabala en positivo. Hoxe reciben nos postos de descenso ao Arenteiro, equipo que ocupa a zona media da táboa. Os do Carballiño chegan en mellores condicións no que a resultados se refire tras cultivar tres empates e dúas derrotas nas últimas cinco xornadas, mentres que os verdibrancos acumulan unha vitoria e tres derrotas, cun choque aínda por xogar. Pero non sucede o mesmo no aspecto psicolóxico.

Proles e contras do rival

O Arenteiro sufriu a principio desta semana un manco coa dimisión do míster, Manel Vázquez, e, por extensión, de case todo o corpo técnico, de modo que chega ata A Porta Santa dirixido de forma provisional polo técnico de porteiros. O míster do Paiosaco, Juan Riveiro, analizou onte esta situación co proles e contras: «Creo que é unha arma de dobre fío, porque cabe a posibilidade de que o novo adestrador estea nas bancadas e que entón os xogadores, sobre todo os menos habituais, queiran reivindicarse», ao que engadiu: «Pero doutra banda está claro que, aínda que non se quen é o técnico de porteiros, é moi probable que teña certo descoñecemento sobre quen é o Paiosaco, como xogamos, cal é a nosa estratexia en casa...». Ademais, lembrou as características que identifican o conxunto ourensán: «É moi intenso, con moito segundo balón, moita disputa... Talvez no xogo e na concepción deste non é un conxunto brillante, pero si que é moi práctico e efectivo».

As claves para gañar

A pesar das incógnitas por parte visitante que rodean ao encontro, o técnico mostrouse moi entusiasmado: «Temos moitas ganas de puntuar porque a semana pasada pensamos que iamos facelo contra o Choco, e o equipo quedou un pouco tocado co resultado [3-2]. Afrontámolo coa idea de competir, como sempre, e coa de seguir puntuando en casa, que é onde estamos a gañar»», expresou. Así mesmo, tamén deu as claves do que deben ser capaces de facer para levar os tres puntos: «Necesitamos non perder moitos balóns no inicio para non darlle moitas opcións a eles de saír, e manter sobre todo a concentración para que non poidan marcar en estratexia, que é onde tamén son fortes. E en xeral, na medida do posible, tratar de acertar». Conta coas habituais baixas de Iriso e Otero, por lesión, e Aythami e Diego Lois, por motivos persoais.

Hoxe agárdase un cheo total na Porta Santas: «A verdade é que non nos podemos queixar da xente que vén ao noso campo porque sempre estamos moi apoiados, pero si que é certo que ao xogar hoxe [por onte] o Bergantiños e o Laracha, si que agardamos que haxa máis xente, aínda que o Arenteiro non é un equipo con moita afección», comentou Riveiro.