Sogama edita un libro de cociña con sobras na Semana Europea de Prevención de Residuos 2018

La Voz CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

Cedida

Faino no marco da campaña «Reducir para sumar»

10 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«Reducir para sumar», así reza o lema da campaña que lanza Sogama co gallo da Semana Europea de Prevención de Residuos. Con tal fin, a Sociedade deseñou un paquete de medidas no que destaca, principalmente, ao edición do libro dixital «Saboroso reciclaxe», no que aglutina máis de 60 receitas de cociña con sobras de comidas achegadas polo centro penal de Monterroso, na provincia de Lugo.

O libro complétase coa edición dun manual, tamén en soporte electrónico, de boas prácticas para diminuír a produción de desperdicios en orixe. O manual, dirixido á poboación xeral, recolle as claves para consumir de forma responsable, minimizar o desperdicio alimentario ou segregar de xeito correcto. Sogama tamén lembra que «o mellor residuo é o que non se produce», e alude ao tradicional criterio multierre: redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír, reducir, reutilizar, reciclar e recuperar enerxeticamente a fracción non reciclable,

Charlas e obradoiros

Adicionalmente, educadores ambientais ao servizo da sociedade pública impartirán charlas informativas e formativas nos concellos próximos ao seu complexo ambiental: Arteixo, Cerceda, Carballo, A Laracha e Ordes. Nalgúns casos serán dirixidas a adultos, e noutros, a escolares, que serán obsequiados con tiradas de libros protagonizados polos populares personaxes de ficción infantil Os Bolechas.