Unha decena de reses vacúas viven en pésimas condicións na Laracha

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

ANA GARCÍA

Veciños das Cernadas, Montemaior, denunciaron sen éxito a situación das vacas

08 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Once da mañá de onte. As Cernadas, na parroquia larachesa de Montemaior. A un quilómetro escaso da estrada que une A Laracha coa Silva (Cerceda) e nas inmediacións do santuario de Santa Margarida. En fronte dunha casa hai unha especie de galpón con material agrícola e, pegada, unha antiga vivenda reconvertida nunha improvisada granxa.

Xunto ao galpón xace un tenreiro. Faino amais de gran cantidade de esterco e outros restos orgánicos. Ao seu lado, outras dúas vacas, que permanecen de pé. O resto de cabezas de gando vacún, unhas nove en total, segundo veciños das Cernadas, permanecen resgardadas nunhas condicións insalubres. O seu propietario, un home de avanzada idade, non se atopaba en casa. «Levarono ao hospital o pasado venres porque se mancou», comentou un veciño, quen asegurou que entre el e outro residente déronlle para comer ás reses os primeiros días. «Agora faino unha sobriña que vive en Zanfoga [un lugar próximo ás Cernadas]». A súa versión concorda fielmente coa dunha veciña, quen asegurou que os animais non pasan fame: «Danlle de comer todos os días. Agora faino unha sobriña do dono». Todos os animais teñen crotal, ou número de identificación, que acredita que os mamíferos están dados de alta na Administración.

O que chama a atención é o lamentable estado no que viven as reses. Un dos accesos, de titularidade privada, está cuberto de dous gran montículos de excrementos e outros restos, completamente mollados polas intensas choivas rexistradas pola borrasca Beatriz. Ao seu lado hai restos de material de obra acumulados xunto a unha especie de vivenda reconvertida en granxa. Falta parte da parede principal e para evitar que as vacas se escapen instalouse unha especie de valo de madeira.

Culpas á Xunta

«Os animais non están ben, iso está claro. Vese a simple vista. Comen, si, pero non están nas condicións que deberían estar. Pero denunciar cando o dono non está porque foi ingresado no hospital non está ben», asegurou un veciño. Ao comentarlle que houbo unha denuncia, apuntou: «As vacas non están mal de agora, xa hai meses que están así, vivindo naquelas condicións, pero o home fai o que pode, non están abandonadas como se poida pensar. El aténdeas como pode, pero aténdeas». Ademais de botar un capote ao seu veciño, este home aproveita a ocasión para lanzar un dardo á Administración autonómica: «Viñeron técnicos da Xunta de Galicia. Non unha soa vez, nin dúas, viñeron xa varias veces e ninguén fixo nada ata o de agora. Supoño, creo eu, que terán que facer algo ou dicir algo ao respecto». Entón outro home intercede na conversación e avala a versión do seu veciño: «Non é normal que se faga público todo isto, con denuncia incluída, cando o dono non está na casa para defenderse».

Fotografías e veterinarios

Ambos os veciños si explicaron que unha patrulla da Policía Local estivo na propiedade privada tomando fotografías. «E onte [polo martes] viñeron varios veterinarios de Carballo para analizar as vacas», pero ambos descoñecían os pormenores destas investigacións.

A Policía Local abriu dilixencias e remitiunas ao xulgado de Carballo

A Policía Local da Laracha realizou unha investigación «ocular» do lugar no que viven os animais «e o día 5 abríronse dilixencias, que xa foron remitidas a un xulgado de Carballo», sinalaron desde o corpo policial.

A intervención veu derivada dunha denuncia. Aínda que non transcendeu o nome da persoa que a presentou, aínda que si que ten vinculación co lugar onde se sitúa o gando

Aínda que desde a Policía Local non se detallaron os argumentos do escrito remitido ao xulgado de Carballo, si que se falou das condicións nas que viven as oito vacas e os catro tenreiros e por se estes feitos son constitutivos dalgún tipo de feito delituoso ou falta administrativa.

Por outra banda, queda por saber que decisión adoptan o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) do posto principal de Arteixo e desde a Xunta de Galicia con respecto a esta denuncia.