Nova reunión da mesa sectorial de violencia de xénero na Laracha

La Voz CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

A directora do CIM deu conta da entrevista mantida cos titulares dos xulgados 1 e 2 de Carballo

18 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A mesa de coordinación policial en materia de violencia de xénero do Concello da Laracha celebrou a súa tradicional reunión periódica co obxectivo de facilitar a coordinación entre os representantes dos diferentes poderes públicos e tratar de unificar criterios á hora de atender ás vítimas, sobre todo as que sofren un maior risco de sufrir un ataque da súa parella ou exparella.

Neste encontro estiveron presentes o alcalde, José Manuel López; a edila da área de Muller, Rocío López, a directora do CIM, Ana Aldao; o axente do posto da Garda Civil da Laracha Juan Carlos Rabuñal, e o xefe da Policía Local, Víctor Vilanova.

Nesta mesa volveuse a repasar os acordos dos últimos encontros e valoráronse os protocolos e mecanismos de coordinación a desenvolver por parte das forzas de seguridade locais. Tamén se revisaron as ordes de protección de vítimas incluídas no programa Atempro, así como altas e baixas neste censo nos últimos meses.

Na sesión, a directora do CIM, Ana Aldao, deu conta da entrevista mantida recentemente cos titulares dos xulgados 1 e 2 de Carballo en materia de violencia contra a muller.