Primeiro da ESO bate marcas na comarca

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

BASILIO BELLO

En centros de toda a comarca nunca tiveron tantas matrículas no acceso ao ensino superior

18 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

É probable que este ano haxa máis nenos de 12 anos que nunca na Costa da Morte. No 2006 houbo un repunte da natalidade e iso nótase agora en primeiro da ESO. En Cee non lembran clases tan cheas. No Agra de Raíces onte empezaron un novo periplo educativo 77 escolares, o maior grupo desde hai moitos anos, segundo explicou a directora, Belén Pais. Curiosamente, o mesmo ocorreu no Fernando Blanco e a mesma situación deuse no Agra de Leborís, da Laracha. A directora explicou que seguen sendo catro grupos de primeiro da ESO, pero a diferenza é que este curso os grupos están rozando o máximo, que son 30 persoas por clase.

O feito de que os primeiros estean tan nutridos, garante unha boa matrícula para os próximo anos. Nos colexios a situación é a contraria e iso xa preocupa. Canto máis alto sexa o curso, maior é a matrícula, en liñas xerais.

Foi este un dos asuntos dos que se falou no primeiro día de clase nos institutos e os centros integrados. A xornada foi de presentación, sen incidentes. Os equipos directivos atopáronse cos alumnos tras unha semana de preparación do curso que foi bastante complicada, sobre todo á hora de cadrar horarios. Na maior parte dos casos houbo unha recepción por grupos, no que o equipo directivo deu conta da normativa, O tema do móbil saíu na maior parte dos encontros. As medidas para erradicalo dos centros educativos é cada vez máis dura e na maior parte dos institutos hanse posto moi serios.

Ao mesmo tempo, os profesores empezan a pensar en proxectos para o curso. No Pedra dá Aguia da Ponte do Porto pronto se porán en marcha con novas iniciativas, do mesmo xeito que no Maximino Romero de Lema, de Baio. O director, Manuel Maseda, explicou que continuarán co proxecto que implica a asociacións de veciños.

No Monte Neme de Carballo a gran novidade é a ampliación que acollerá os talleres dos ciclos formativos. A obra está practicamente rematada, pero as dependencias aínda non puideron ser utilizadas. O equipo directivo conta con que se poidan abrir a partir da próxima semana. Tamén onte se presentaron os alumnos dos ciclos formativos.

A burocracia manterá pechadas as cafeterías ata o 5 de outubro

«Terei que almorzar en casa». Un alumno de secundaria resumía desta forma tan persoal como gráfica en que lle afecta que teña comezado o curso escolar nos institutos galegos sen cafeterías. O cambio de normativa na adxudicación do servizo e a tardanza coa que se iniciou o proceso, a finais de xullo, supuxo que este ano o bocadillo de tortilla recentemente feita atrásese ata outubro.

Ata agora, era cada centro o que decidía as bases do concurso para levar o bar do instituto e convocaba a tres aspirantes para outorgar o negocio á mellor opción. Habitualmente, o adxudicatario mantíñase no posto sen máis contratempos e hai moitos institutos cuxa cafetería está servida pola mesma familia desde fai vinte ou trinta anos. Pero a nova lexislación sobre contratos esixiu a centralización do proceso.

Proceso

Este novo sistema comezou en xullo e con bastantes queixas dos empresarios, que na súa práctica totalidade son autónomos. Nese momento xa avisaban que non daría tempo a ter as cousas listas para o inicio das clases e o tempo demostrou que tiñan razón. Os hostaleiros perden un mes de traballo cando o seu é un negocio limitado (hai que ter en conta as vacacións) e pouco rendible, como xa recoñecían as propias bases do concurso. «Estamos indignados por este procedemento impresentable», queixábase onte un dos afectados. E é que as cafeterías, xa preadjudicadas, debe seguir pechadas ata que se asine o contrato e os seguros estean en vigor.

A ausencia deste servizo tamén a notan os profesores: «Hoxe queriamos pór un petisco de benvida aos docentes, e é imposible», explicaba onte unha directiva de instituto. Eles xa levan quince días sen poder tomar café no colexio, algo que non lles preocupa en exceso aínda que si recoñecen que é molesto. Pero no fondo o que lles parece mal aos directivos é que «no prego de condicións non conte para nada que os adxudicatarios teñan tido unha cafetería de instituto antes e a xente estivese contenta». Si conta que o aspirante teña experiencia en hostalería, pero non necesariamente que se entenda cos adolescentes.

Estes onte apenas pensaban na cafetería. Eran demasiadas as emocións dun só día para acordarse de algo tan secundario como o almorzo. Porque moitos mozos van a clase sen almorzar, ou só tomando algo rápido e bebido; por iso no recreo están famentos e dan boa conta dun bocadillo. «Traereime froita», dicía onte un estudante con bos propósitos. Polo menos, ata que o bar abra e cheguen os bocadillos.