Iriso: «Creo que imos dar máis dunha sorpresa na liga»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

Ana Garcia

«Estarei curado para xaneiro ou febreiro. Dáme rabia, pero confío en debutar en Terceira División igualmente», di o futbolista do Paiosaco

15 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

En plena pretemporada, os oitavos de final da Copa Deputación tronzaron o camiño do Paiosaco, e máis concretamente dun das súas centrais, Christian Iriso Veira (A Coruña, 1988). Cumprido o primeiro cuarto de hora do choque contra o Somozas o pasado día 5, o xogador rompeu a tibia e o peroné. Na xornada seguinte foi operado. Un mal comezo da que será a súa sexta tempada no equipo verdibranco que, ademais, este ano debuta en Terceira División. Antes, estivo anos ligado ao Imperátor.

-Como foi o momento xusto da lesión?

-Centráronme o balón, despexei e Álex, do Somozas, caeume amais da perna que tiña apoiada. E quedou o nocello colgando. Pero bo, foi sen querer e chamoume varias veces preocupándose polo meu estado.

-Que tal se atopa?

-Xa levo unha semana operado, e teño algo de dor polas noites debido aos cravos que me puxeron, pero lévoo bastante ben, a verdade. Xa empezo tamén a baixar algo á rúa coas muletas. Iso si, sen apoiar. Nunhas semanas teño que pasar outra vez por quirófano para que me saquen un dos cravos, e a partir de aí si que xa poderei.

-Canto tempo estará apartado do terreo de xogo?

-Catro ou cinco meses, tranquilamente. Estarei curado para xaneiro ou febreiro. Tampouco quero pórme prazos. Simplemente, pórme ben e punto. Aínda estamos en agosto.

-Esta lesión sucedeulle no momento menos oportuno. Xusto cando ía debutar en Terceira División.

-Si. A verdade levaba uns anos querendo xogar nesta categoría e o ano que me tocaba, ademais por dereito propio, pois me pasou isto. Dáme rabia, pero confío en debutar igualmente.

-Supoño que todo o equipo o está apoiando para que ese día chegue o máis pronto posible.

-Si, claro. Os do Paiosaco son como unha familia. Xa levo aquí unha chea de anos, son o segundo máis veterano do conxunto, e a afección e a directiva sempre me apoian. Estes días chámanme seguido para saber que tal estou, pero é un proceso moi lento.

-Precisamente, pola súa longa vinculación co club, como ve o cadro este ano e a liga en xeral?

-A competición véxoa impresionante, con equipos de moitísimo nivel. Respecto ao equipo, creo que nos reforzamos moi ben e imos dar máis dunha sorpresa por aí adiante. Xa o verán.