Ángeles Vázquez: «Ata ou de agora foi convencer e agora toca sancionar»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

BASILIO BELLO

A conselleira de Medio Rural falou sobre a lei contra os incendios na Laracha

20 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«Non hai volta atrás». Así de contundente foi a conselleira de Medio Rural na súa visita á Laracha. Referíase ás esixencias da lei de incendios, que mantén a media Galicia ocupada en tallar as árbores das marxes das estradas e das proximidades das casas. Acudiu Ángeles Vázquez a un dos municipios que puxo como exemplo de cumprimento da lexislación desde o 2012. De feito, neste tempo na Laracha só se abriron 5 expedientes. O resto dos casos foi labor de zapa dos axentes forestais e do Concello, que avisan aos propietarios, cada un ao seu modo, de que deben manter as súas árbores afastados das calzadas.

Agora xa pasou o tempo da información. «Ara ou de agora foi convencer e agora toca sancionar», asegurou onte Anxos Vazquez na estrada de Vista Alegre, un mapa case perfecto dos distintos casos que se dan, desde unha plantación recientísima de eucaliptos que chegaba ao pé da cuneta ata carballos bastante mozos que tamén invadían espazo de protección. O que non estaba xa cortado estaba apalabrado.

Para a conselleira houbo tempo suficiente para que os propietarios de montes acometesen os traballos. «Non demos 15 días, a lei está en vigor desde o 2012» e recoñeceu que este ano incidiron na necesidade de manter as plantacións forestais ordenadas porque «é a nosa obriga, a das distintas Administracións velar pola seguridade cidadán» e insistiu en que os membros do distrito forestal ponse en contacto cos donos de montes varias veces antes de abrir un expediente.

Excepcións

Para os que non atoparon empresa maderista que lles faga os traballos, a conselleira lembra que «non pode ser a norma unha excepción», pero sinalou que están pendentes de que a Fegamp «nos dea o visto e pracet» para atender esos casos «excepcionais» e que a Xunta poida pór os medios para que a lexislación se cumpra.

Nas declaracións da conselleira sobre a Fegamp apréciase que non todos os alcaldes son tan colaboradores como o da Laracha. Para as situacións nas que hai propietarios descoñecidos ou problemas de herdanzas, a Xunta pon 6 millóns de euros, pero reclama apoio os concellos «para que poidamos entrar directamente e non se produza un accidente ou incidente», dixo onte a conselleira.

Tamén se destinan 31 millóns para «clarexos, podas e desbroces» e demais labores de prevención de incendios forestais.

As cousas parecen ir ben, aínda que de forma paulatina. Segundo Ángeles Vázquez, desde o ano pasado o cumprimento da lei «é moito maior». Conseguiuse que haxa unha maior conciencia, sobre todo por mor dos incendios de outubro do pasado ano.

A conselleira recoñeceu que os que están no punto de mira son, sobre todo, os eucaliptos, pero tamén os piñeiros. Recoñeceu que as frondosas non son un problema e que se están facendo excepcións. Trátase de árbores autóctonas que están case na cuneta. Sinalou que non pode utilizarse a lei para rematar coas especies frondosas, aínda que, «cando hai un lume, arde todo».