As dez obras de teatro que poderás ver esta fin de semana na Costa da Morte
CARBALLO
Buscas plan a cuberto para venres, sábado ou domingo? Bótalle un ollo a esta axenda de dramaturxia
06 nov 2025 . Actualizado a las 23:23 h.Rematou o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), mais os afeccionados á dramaturxia están de noraboa na Costa da Morte. Entre venres, sábado e domingo haberá unha decena de funcións para gozar, plan máis que acaído nestas tardes de outono, a cuberto. As citas, unha a unha:
A LARACHA
«Go home!», nos Venres Teatrais, con Etiqueta Negra. Venres • 21.00 horas • Na Casa da Cultura. Primeira das funcións do ciclo Venres Teatrais da Laracha este ano. Go home! é unha comedia con David Amor e Josito Porto no escenario. Dende o humor, o asunto da turistificación. De balde.
MALPICA
«Wombo Combo», segunda parada na Mostra de Teatro. Venres • 20.00 horas • No centro cívico. A 21.ª Mostra de Teatro de Malpica avanzará este venres cunha proposta para público familiar e infantil —a partir dos 6 anos— a cargo da compañía carballesa Galeatro. Unha reflexión, accesible para estas idades, en torno a vida real e vida de pantallas. Entrada de balde.
CEE
«Profetas», de Ítaca, dentro do Outono Cultural. Sábado • 20.00 horas • A compañía lucense Ítaca arribará ao auditorio Baldomero Cores de Cee este sábado coa obra Profetas, coprodución co CDG de acceso gratuíto da man do Outono das Artes da Deputación. Un exercicio de metateatro.
VIMIANZO
«As gardiás ou o nó do tecelán», de Teatro de Ningures. Sábado, 20.30 horas • Na Casa da Cultura, xestión de entradas en woutick.es, de xeito anticipado. Cinco grandes actrices no escenario, entre elas Melania Cruz (ver entrevista, aquí), abordando unha cuestión moi de actualidade, como é o envellecemento, o bo envellecer e tamén o dereito a tomar decisións nesa etapa.
PONTECESO
«Rara Avis 3.0», a cita en territorio pondaliano. Sábado • 22.00 horas • No Edificio das Escolas, segunda parada do 32.º Ciclo de Teatro pontecesán, desta volta con Lila Teatro e a súa peza Rara Avis 3.0. Sobre o escenario, cuestións como a empatía, a coraxe, a perseverancia ou o sentido do humor. Reserva de entradas no Concello ou o 630 907 124.
CORCUBIÓN
«Mamá», coa compañía da casa, Farándula Velutina. Sábado • 20.00 horas • Na Casa da Cultura, derradeira función do Circuíto Galego de Teatro Amador: será Mamá!, e, tal e como traslada o Concello, non podía ser doutra maneira que coa compañía da casa, Farándula Velutina. Unha comedia escura para toda a familia. A entrada, igualmente neste caso, é libre e de balde.
MUXÍA
Corpo, imaxe e beleza con Esther F. Carrodeguas. Sábado • 20.00 horas • No Salón do Voluntariado, con entrada a un euro (billeteira aberta dende as 19.00). Peza de auto(non)ficción, sobre gordofobia, con Esther F. Carrodeguas: O único que verdadeiramente quixen na vida é ser delgada.
CAMARIÑAS
«Naufraxios», parte dos 135 anos do Serpent. Domingo • 20.00 horas • O Concello de Camariñas deseñou varias actividades con motivo do 135.º aniversario do afundimento do Serpent, no ano 1890. Unha das propostas pasa polo teatro, e ademais nun escenario emblemático, o faro Vilán, moi ligado á traxedia. A peza titúlase Naufraxios.
CABANA
«Rogelio», cita familiar con AsSircópatas. Domingo • 18.00 horas • Tamén o Outono Cultural de Cabana reserva espazo para as representacións. Neste caso será no auditorio municipal, cita familiar con Rogelio, un payaso en recuperación, a cargo de AsSircópatas. De balde.