Por causas maiores non puiden asistir á presentación en Baio, a finais de setembro, do libro Badius: historia dun grupo de teatro afeccionado, da autoría de Ricardo Vigueret, o presidente do grupo teatral. Por certo, que o nome de Badius, imposto hai corenta anos, foi unha boa escolla, pois é unha das dúas hipotéticas etimoloxías do topónimo Baio. Un libro, promovido polo Concello de Zas, de 298 páxinas e incontables fotografías a toda cor que non ten desperdicio, pois nel se recollen todas as obras e actuacións do grupo ó longo desas catro décadas, grazas á infinita paciencia de Ricardo, quen, como confesa no seu artigo-resumo do final, foi «anotando todo o que iamos facendo».
Grazas a este traballo de cronista minucioso quedará para a posteridade este importante traballo cultural do grupo baiés, que levou as súas comedias por moitas vilas e aldeas de boa parte de Galicia. Mesmo se desprazaron a Palma de Mallorca e a Suíza. Nas súas estreas en Baio sempre encheron o auditorio local, pero téñense adaptado a escenarios «de película» (en todos os sentidos da palabra). O anecdotario do libro é unha boa mostra.
Xa teño escrito, que grazas á xente de Badius, Baio é por antonomasia a vila teatral da Costa da Morte, das poucas onde xa se empeza a formar actores e actrices desde a educación primaria e secundaria, como fixo Vigueret nos colexios e institutos polos que pasou (e non só os de Baio). Tamén houbo e hai formación teatral para adultos, que levan Pablo Gastón ‘Pibe’ e outros. E concursos para grupos de fóra.
Ricardo preocupouse de facerme chegar un exemplar da súa obra cunha dedicatoria moi agarimosa: «... porque sempre sentimos o teu apoio ao longo de todos estes anos. Grazas polo teu exemplo a prol da cultura galega, en especial á da comarca de Soneira. Por un teatro amador e en galego, con cariño».
Nin que decir ten que non esqueceu citar ningún dos meus artigos sobre o grupo, empezando polo que abre o libro: As orixes do teatro en Baio. A festa de María Goretti (1949-1971). Non esperaba tanto recoñecemento, que agradezo. Di moito da xenerosidade de quen o expresa. Un saber estar que, infortunadamente, non abonda moito por outros lares.