A Costa da Morte repite carreiro azul en Caión, Camariñas e Carballo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Son rutas litorais distinguidas polas súas boas cualidades pola entidade Adeac

26 may 2022 . Actualizado ás 23:21 h.

A Costa da Morte terá de novos tres carreiros azuis, rutas litorais distinguidas polas súas boas cualidades pola entidade Adeac, a mesma que concede as bandeiras das praias e portos. Os areais que repiten son o Sendeiro do Saldoiro, en Caión, de 1,5 quilómetros; a Ruta Litoral de Camariñas , de 26 quilómetros, e a Senda do Mar de Razo-Baldaio, de dez mil metros. Estes tres da zona son a metade dos que hai na provincia, en Arteixo , Oleiros e Ribeira. Na costa de Lugo só hai catro, e na de Pontevedra, 18, sete deles no municipio de Sanxenxo . Galicia acapara case a metade de todos os carreiros azuis de España, que suman 474 quilómetros.

A comunicación dos lugares aos que se lles outorga este distintivo facíase todos os anos xunto ás praias, portos e centros expositivos, que este vez foi o día 11 deste mes. Con todo, nesta ocasión a entidade promotora o desligó do resto e deixouno para este xoves. En realidade, a deste 26 de maio foi a entrega e a comunicación oficial, pero os galardoados xa tiñan información de se llo concederon ou non: non houbo sorpresas. Xa o propio día das bandeiras das praias algúns municipios sinalaron que tamén verían recoñecidas as súas sendas xunto ao mar, como efectivamente foi.

A entrega realizouse no Real Xardín Botánico de Madrid, e representando a Galicia estivo Belén do Campo, a directora xeral de Patrimonio Cultural, ademais dalgúns alcaldes. Entre eles, o da Laracha, José Manuel López Varela, acompañado do seu número dous, José Ramón Martínez. Desde o Concello destacan que este recoñecemento lles chega por noveno ano. Os seus extremos son a praza de Eduardo Vila Fano e o regacho Figueirido.

En canto ás bandeiras para as praias, non houbo cambios, mantendo dez ensinas, as mesmas que o ano pasado e que no 2020: Caión na Laracha; Arou, en Camariñas; A Pedra do Sal, Razo e As Saíñas, en Carballo; O Ézaro, en Dumbría ; A Ermida, Balarés e O Osmo, en Ponteceso , e a de Laxe , que a recuperou no 2020 tras quedar sen ela no 2019. O Ézaro é a máis veterana, con 19 campañas consecutivas, e ademais xa a obtivo nos 90. Arou consolida este recoñecemento, obtido no 2017, do mesmo xeito que as tres de Ponteceso.