Plumas con mando | Orzamentos para medrar en verde

ethel vázquez mourelle CONSELLEIRA DE INFRAESTRUTURAS

CARBALLO

ANA GARCIA

Escribe a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez | A autovía é un dos maiores orgullos da miña traxectoria profesional

24 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A Xunta vén de aprobar os Orzamentos máis altos da historia da Comunidade Autónoma: 11.627 millóns de euros consagrados, novamente, á protección social dos galegos, ao progreso de Galicia e, con ela, da Costa da Morte.

Nun escenario político cada vez máis convulso, no que o extraordinario case se torna cotián, ter a capacidade de volver aprobar en tempo e forma os Orzamentos coa garantía do seu respaldo parlamentario é, probablemente, o maior mérito de Galicia: a súa aposta pola estabilidade.

Os presupostos son, efectivamente, a ferramenta máis eficaz da que pode dispoñer un Goberno para exercer o seu programa político. Galicia conta pois, co que necesita para impulsar a imprescindible reactivación económica e social desta comarca. Presentamos unhas contas públicas pensadas, como en cada exercicio dos últimos doce, para responder ás demandas do país que somos: un espazo urbano nas cidades pero, por riba de todo, unha Comunidade rural que, como Bergantiños e a Costa da Morte, quere seguir vivindo do seu mar e da súa terra, sentíndose sempre orgullosa de poder facelo.

O noso deber é achegar ambas realidades, avanzando na construción desa Galicia única á que aspiramos e garantindo o acceso aos servizos públicos, ás oportunidades e aos maiores niveis de calidade de vida a todos os galegos, residan onde residan. Para iso, agardábamos contar co apoio dos fondos europeos extraordinarios de reconstrución, os coñecidos Next Generation, que reservan importantes partidas para a mellora da mobilidade e á mellora do coidado das augas.

Porén, os arbitrarios criterios establecidos polo Goberno de España para o investimento destes recursos no noso país impiden destinalos a actuacións imprescindibles para Galicia e, o que é máis grave, limitan os proxectos aos municipios de máis de 50.000 habitantes, é dicir, menos do 2 % do territorio galego. Doutro xeito: o 98 % de Galicia queda excluída dos fondos europeos de reconstrución.

A pesar diso, os Orzamentos da Xunta para 2022 reflicten unha aposta rotunda polo progreso da Costa da Morte. Conservamos as mesmas motivacións que nos levaron a renovar todas as liñas de transporte público; a estender os beneficios da tarxeta Xente Nova a toda esta zona, unha auténtica conquista social que facilita que os mozos viaxen de balde por toda Galicia; a executar ducias de quilómetros de sendas peonís sostibles, seguras e integradas na paisaxe; a bonificar as peaxes da autoestrada AG-55; e, sobre todo, a construír, tras tantos anos de espera, a Autovía da Costa da Morte.

Criada en Ponteceso, con avós de Cabana e cun bisavó de Zas, do que herdei este apelido tan bergantiñán que é Mourelle, considérome unha veciña máis da comarca. Como tal, gardo a humilde contribución a ese gran fito que é a Autovía da Costa da Morte como un dos maiores orgullos da miña traxectoria profesional. Pero tamén sei que o traballo debe continuar ata acadar a vertebración total da comarca, que será o obxectivo prioritario do noso traballo os vindeiros anos. Por iso, os Orzamentos da Xunta para o 2022 recollen as partidas para non só manter os logros acadados e para avanzar no noso compromisos de prolongar a vía de altas prestacións desde Baio ata Berdoias. Tamén hai espazo para novos proxectos, como a variante de Carballo ou máis sendas, como as proxectadas en Laxe ou Ponteceso. Achegar o rural ao urbano require, tamén, integrar todo o noso territorio na senda do crecemento verde que defende a Unión Europea e que Galicia comparte e impulsa desde hai anos.

Obras relacionadas coa auga, na Laracha e na ría de Corcubión

É imprescindible realizar un importante esforzo na mellora da calidade das augas e dos servizos urbanos asociados a este recurso esencial, servizos de competencia municipal dos que dependen a saúde pública, o coidado ambiental, a pesca, o marisqueo e o turismo. Iso explica que gran parte dos Orzamentos da Xunta do vindeiro ano da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade se destinen a obras relacionadas coa auga, con investimentos especialmente notables no saneamento da ría de Cee-Corcubión e no abastecemento da Laracha.

Modernización

Con estes proxectos, e con outros impulsados por outros departamentos da Administración autonómica, a Xunta de Galicia volverá contribuír, un ano máis, á modernización e ao progreso da Costa da Morte, estando ao carón dos veciños, pero tamén dos concellos, colaborando e sumando esforzos para que esta comarca medre e medre en verde.