Polbos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

22 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Anda algunha xente algo revolucionada (eu creo que polo cachondeo) a conta do debate ese que abriu Jane Fonda incitando a boicotear aos restaurantes que serven polbo, porque di que son animais moi intelixentes e sensibles e non se deben comer. Con ese relato en Galicia non chegará moi lonxe, se cadra noutros sitios si, e esperemos que non saiba que pasa cos cuchos, vacas ou porcos. Que eses si son intelixentes.

No fondo, Fonda igual ten algo de razón. Poño o exemplo desoutros animais, sobre todo unha vaca á que criaches e á que un día lle toca ir ao matadoiro. A todos nos pasou moitas veces. Ollos que non ven... Pero o tema é cando se vende para traer a carne de volta ao conxelador. Aí xa cada un verá, e todo sabemos o que se ve. O polbo será listo, pero eu non o vexo como animal de compañía. As vacas, si. Aínda hai moita xente que lles fala, coa vara e de palabra. Neste caso si que entendería o debate, que en Galicia tampouco tería percorrido. Levamos algo dentro que nos impide sentir mágoa, máis aló da inevitable pola forma de ser de cada un.

Dende pequenos aprendemos que eses animais axudan en vida e tamén despois, co produto ou cos cartos da venda. Vacas e pinos colaboraron ata a facer carreiras, pagar os seguros da vellez, a contribución. A cambiar portas e ventás, e a ir á feira con algo de alegría. Así é, e así foi o noso mundo, mellorable, pero as cousas viñeron como viñeron. Por iso o pesar queda agochado, como inexorable lei de vida. Se neste caso temos asumido que non cambiaremos, ou tardaremos anos, co do polbo eu xa o vexo imposible, agás que os criemos no galiñeiro. Tal como vai o mundo, non o descarto.