«Moitos pacientes adultos que vemos na unidade de Saúde Mental non foron tratados sendo nenos ou adolescentes»

Pablo Varela Varela
pablo varela CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Na área de Psiquiatría do hospital de Cee constatan un aumento da demanda de consultas: un 15 % por mes en comparación co ano 2020

21 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

En éraa do superficial, a do corpore san levado talvez ao extremo, emerxe o coidado do outro concepto que completa a fórmula. Algo tan humano como sufrir unha fochanca emocional, incluso unha depresión severa, segue gardándose baixo chave nas mentes dos afectados. Beatriz Ferreiro, especialista adscrita á área de Psiquiatría no hospital Virxe da Xunqueira, apunta dúas posibles causas: «Cando os pacientes veñen á consulta e relatan que levan mal xa moito tempo, teño por costume preguntarlles os motivos de que tardasen tanto en pedir axuda. En moitos casos, porque temían atoparse cun profesional serio e pouco empático. Outros explican que lles custa expresarse, e gardan todo o sufrimento ata que rompen e xa non poden máis, acudindo acompañados de alguén do entorno, sexa familia ou amigos».

Romper con ese temor, en ocasións, é algo que se produce a través da experiencia dun coñecido. De persoas que xa padeceron problemas similares e deron un paso adiante para aproximarse a unha especialidade, a Psiquiatría, «que é unha especialidade máis», pero aínda rodeada de certos estigmas sociais que poden frear a algúns pacientes cando se senten con forzas para expor o seu caso.

Durante o primeiro estado de alarma pola pandemia de coronavirus , diversos especialistas sanitarios avisaron de que, co tempo, poderíanse ver as consecuencias do confinamento e a perda de relacións sociais. Ferreiro sinala que, efectivamente, «hai un aumento en canto á demanda» de consultas relacionadas co impacto de cuestións como, por exemplo, aquel primeiro peche que, para moitos, foi entre catro paredes.

Segundo as cifras facilitadas polo Sergas, o servizo de Psiquiatría do hospital de Cee atendeu unha media de 36 primeiras consultas mensuais por saúde mental durante o ano pasado. No actual, tras a fase aguda da pandemia, esa cifra hase incrementado a algo máis de 41. É dicir, un 15 % máis por mes en comparación co mesmo tramo do curso anterior.

Á Unidade de Saúde Mental do Virxe da Xunqueira acoden, entre outros, veciños da Costa da Morte xa en idade adulta e cuxos problemas psicolóxicos afunden as súas raíces moi atrás no tempo, mesmo na máis tenra infancia. «Moitos casos que vemos na consulta, asociados a maiores, foron porque precisamente non foron tratados cando eran nenos ou adolescentes», detalla Ferreiro.

A atención aos mozos

Hai, en todo caso, un avance en clave positiva: as novas xeracións parecen afastarse deses estigmas que atenazaban aos máis maiores. «Resúltame moi grato ver como os nenos e adolescentes que veñen á consulta ven como algo natural o feito de vir á Unidade de Saúde Mental. Incluso o comentan co seu entorno, e algúns deles comparten as súas experiencias con naturalidade».

Chegar a este punto de ruptura non foi sinxelo, pero aínda hai moito camiño por percorrer. Entre outros motivos, porque a aparición das redes sociais tamén cambiou a forma de comunicación e consumo dos máis novos, receptores de infinitos tipos de influxo e contido. «Afortunadamente, as novas xeracións contarán con máis ferramentas no manexo da intelixencia emocional, de aí a necesidade da prevención en canto á saúde mental infanto-xuvenil. E, por sorte, actualmente aprobouse a especialidade en España», expón Ferreiro.

«Acudir ós especialistas de Psiquiatría non fai ás persoas máis fráxiles nin moito menos máis débiles»

Beatriz Ferreiro formouse en países como o Reino Unido, Suíza e, finalmente, Francia, onde estivo traballando estes cinco últimos anos. En todos eles tomou nota de como se atendía ou se avanzaba cara á posta en marcha de áreas sanitarias específicas orientadas ao coidado da saúde mental. «Con respecto a outros países da Unión Europea iamos con moito retraso. En Francia fun testemuña do impacto que ten o feito de contar con unidades de Psiquiatría Infanto-Xuvenil e especialistas formados para previr que certas patoloxías se cronifiquen», conta.

Co paso dos anos, ademais dos avances en investigación, en España tamén se han ir quedando polo camiño os prexuízos. Ferreiro sinala que, cada vez máis, «a xente é consciente da necesidade de acudir a este tipo de especialistas e que facelo non fai ás persoas máis fráxiles nin moito menos máis débiles».

Para ela, normalizar que Psiquiatría se trata dunha especialidade máis, como o son Cardioloxía ou Dermatoloxía, é un factor clave, porque ao fin e cabo supón unha valoración indispensable e beneficiosa para o paciente. «Se Psiquiatría existe é porque é necesaria e porque hai unha demanda. Precisamente, coa pandemia, estamos vendo á importancia que ten a saúde mental na sociedade e as nosas vidas», agrega.

O Plan de Saúde Mental

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, expuxo onte no CHUS que a Xunta prevé incrementar en 4,4 millóns de euros o investimento en saúde mental no proxecto de orzamentos para o ano 2022.

A día de hoxe, segundo o goberno autonómico, xa se incorporou ao 80 % dos novos profesionais previstos para os dous primeiros anos de vixencia do Plan de Saúde Mental, que contempla o período 2020-2024. Son, por agora, 96 especialistas dos 120 que a Xunta estima incorporar a metade do plan. Entre eles hai, polo momento, 31 psicólogos e 31 psiquiatras, así como 12 traballadores sociais e 18 enfermeiros especialistas en saúde mental.

Neste sentido, un das metas marcadas inicialmente por Sanidade foi a posta en marcha de dúas unidades de Saúde Mental na área sanitaria da Coruña e Cee, dentro do obxectivo de incrementar o número de recursos de asistencia sanitaria ambulatoria.

No caso do hospital Virxe da Xunqueira, fontes sanitarias aseguran que xa se está traballando na disposición desta unidade específica.