En Vimianzo, Cee e Buño hai parcelas industriais desde tres euros ao día

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

SEXA ofrece alugueiros con opción a compra en varios polígonos

15 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Chan Empresarial do Atlántico (SEXA) ofrece aos emprendedores, en polígonos industriais da zona, parcelas duns mil metros cadrados de superficie por uns 90 euros ao mes en números redondos, uns tres euros ao día. Son alugueiros con opción a compra, e con prezos de saída moi baixos nos primeiros prazos, tendentes a darlle uso a parcelas que levan anos en espera. Sobre todo no de Buño (Malpica), onde agardan todas.

A subdelegada do Goberno, María Rivas, e a xerente de SEXA, Beatriz Sestayo, analizaron o mércores a situación dos polígonos e estes plans en marcha, con especial incidencia na Costa da Morte, aínda que baixo a súa xestión hai outros en Muros, A Pobra ou Rianxo dentro da provincia coruñesa.

O contrato de dereito de superficie ten algunhas variacións segundo os parques. No de Vimianzo , por exemplo, puxéronse en oferta 24 parcelas, que suman pouco máis de 30.000 metros cadrados, con prezos desde os 88 euros mensuais durante as primeiras anualidades. No de Buño ofrécese a metade de toda a súa superficie nesta modalidade, a tarifas aínda máis baixas, xa que parte dos 75 euros mensuais. Son 14 parcelas as que saen así ao mercado, que suman case 16.000 metros cadrados.

En Cee as vendas levan un moi bo ritmo, incluída a aposta de Sogama pola planta de transferencia, ademais dun proxecto de humanización en marcha con mellora de accesos e posta en valor dun camiño histórico que o atravesa. As parcelas dispoñibles inicialmente coa modalidade de dereito de superficie son cinco, con 8.712 metros cadrados en total. Máis cara ao sur, en Muros, as tarifas baixan, pero tamén a superficie das parcelas, xa que son de 660 metros, que quedan en 66 euros.

Nos demais parques mantéñense condicións específicas atendendo a superficie e necesidades.

Na reunión entre Sestayo e Rivas, ambas puxeron de manifesto a necesidade de que a autovía se prolongue ata o polígono de Vimianzo cando se constrúa a súa nova fase como corredor. Tanto SEXA como o Concello llo reclamaron á Xunta.